Descobren unha bacteria presente nas persoas coa síndrome de Down que prevén a carie

En Down España entrevistaron a Pedro Diz Dios, catedrático de Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, para saber máis acerca da súa última investigación en relación á saúde bucodental das persoas coa síndrome de Down.

Segundo explicou o experto, as persoas coa síndrome de Down xeralmente teñen menor predisposición que o resto da poboación para ter carie. “Esta enfermidade atribúese a unha alteración do equilibrio entre as bacterias que colonizan a cavidade oral, un escenario que se coñece como “disbiosis”. Por iso, pensamos en investigar se as persoas coa síndrome de Down eran portadoras dalgunha especie bacteriana particular que puidese contribuír a evitar esta disbiosis”, sinala o doutor Diz.

O resultado da investigación sinalou que efectivamente existe unha bacteria presente na boca das persoas coa síndrome de Down que é “capaz de destruír algunhas bacterias implicadas no desenvolvemento da carie e da periodontitis -unha afección das enxivas que provoca a perda prematura dos dentes-”.

“É unha bacteria do xénero estreptococo que tecnicamente denominamos Streptococcus downii, en referencia ao primeiro paciente no que se illou este microorganismo –coa síndrome de Down-“, afirma.

Tal e como evidencia a investigación publicada, esta bacteria non é exclusiva da síndrome de Down, aínda que a súa presenza no resto da poboación é moi escasa, -só o 1% da poboación é portadora-. Por tanto, este achado non reporta beneficios exclusivos para as persoas coa síndrome de Down, xa que implica que “o estreptococo downii ten unha potencialidade anticarie e antiperiodontitis da que se podería beneficiar toda a poboación e especialmente as persoas de risco”, explica Diz.

Por mor dos achados desta investigación, están a realizarse máis estudos que se centran en identificar e secuenciar a proteína que presumiblemente segrega este  estreptococo e que é a que lle outorga actividade antibacteriana. Por outra banda, segundo indica o catedrático en odontoloxía “está a explorarse a posibilidade de que poida chegar a producirse de forma industrial e comercializarse en forma de  colutorio”.

Para finalizar a entrevista, o doutor Diz lembra que as recomendacións xerais para unha boa saúde bucodental das persoas coa síndrome de Down son manter e coidar a hixiene oral de maneira rigorosa e  metódica, e visitar ao dentista periodicamente.

Ir o contido