As emerxencias xa non son situacións excepcionais, forman parte dunha realidade cada vez máis frecuente e complexa. Crises climáticas, sanitarias, económicas, sociais e políticas suceden e interconectan, alterando as nosas vidas de maneira profunda. Mais estas crises non afectan por igual a todas as persoas. As emerxencias non son neutras: agravan desigualdades preexistentes e golpean con maior dureza a quen xa vive en situación de vulnerabilidade.
En España, máis de 12 millóns de persoas están en risco de pobreza ou exclusión social e máis do 38 % dos fogares non poden afrontar gastos imprevistos. Estas cifras non son só números: son rostros, son historias, son dereitos en risco. Entre eles están tamén as persoas con discapacidade intelectual, que se enfrontan a maiores barreiras de acceso á información, á saúde, á vivenda ou aos apoios necesarios para afrontar unha situación de emerxencia.
Con motivo do Día Nacional do Terceiro Sector, desde Down Galicia unímonos ao manifiesto da Plataforma do Terceiro Sector para lembrar que ningunha emerxencia pode abordarse sen ter en conta a súa dimensión social e, en particular, a realidade das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias. Tras unha catástrofe, non abonda con reparar infraestruturas: hai que reconstruír vidas. E esa reconstrución só será xusta se incorpora a todas as persoas, con independencia das súas capacidades, desde a prevención ata a resposta e a recuperación.
Emerxencias inclusivas e accesibles
A experiencia da nosa federación demostra que a prevención e a preparación eficaz comezan cunha mirada inclusiva, que sitúe a todas as persoas no centro como suxeitos de dereitos. No caso da discapacidade intelectual, isto pasa por garantir sistemas de alerta temperá que sexan comprensibles e accesibles, por deseñar plans de emerxencia que contemplen apoios personalizados e por asegurar que a comunicación e a información se adapten a diferentes necesidades cognitivas.
Cada crise pon en evidencia as fendas sociais e, neste terreo, as persoas con discapacidade intelectual son un dos colectivos máis expostos a quedar fóra dos sistemas de protección se non se adoptan medidas específicas. Por iso, reclamamos que as políticas públicas integren de maneira estrutural a perspectiva da discapacidade en todas as fases das emerxencias: prevención, resposta, reconstrución e avaliación.
O papel do Terceiro Sector
O Terceiro Sector, no que se enmarca Down Galicia, actúa sen descanso, chegando onde outros non chegan, con eficiencia e equidade nas intervencións. No día a día e tamén nas emerxencias, as nosas entidades ofrecen apoio, xeran confianza e acompañan procesos de reconstrución que devolven autonomía e dignidade. No caso das persoas con discapacidade intelectual, este acompañamento é esencial para que ninguén quede atrás.
Por iso esiximos un enfoque integral, baseado nos dereitos humanos, que teña en conta determinantes sociais como a pobreza enerxética, a exclusión residencial, a saúde mental, a violencia de xénero e a discapacidade. E que garanta sempre a participación real das persoas afectadas, tamén daquelas con discapacidade intelectual, a través de apoios adecuados que fagan posible a súa voz na toma de decisións.
Un chamamento pola xustiza social
Neste Día Nacional do Terceiro Sector, facemos un chamamento a institucións, organismos, empresas, medios de comunicación e cidadanía para que se aborde a prevención, a preparación e a reconstrución das emerxencias desde unha perspectiva inclusiva e de dereitos.
A discapacidade intelectual non pode ser un factor de exclusión nas emerxencias. Ao contrario: debe ser unha oportunidade para avanzar cara a un modelo máis xusto, equitativo e inclusivo. Para iso, reclamamos condicións estruturais como o financiamento estable, o recoñecemento institucional do papel do Terceiro Sector e espazos permanentes de diálogo que permitan integrar a experiencia e as propostas das nosas entidades.
Só así construiremos unha sociedade onde o coidado, a equidade e a inclusión formen parte de cada acción, mesmo —e especialmente— en tempos de crise.