No marco de Participa, unha nova acción dentro da área de Vida Adulta de Down Compostela, un grupo de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual deu un paso adiante na súa participación activa na comunidade a través da creación colaborativa dunha canción feita con intelixencia artificial.
A través da análise das barreiras sociais e físicas que atopan no día a día, as persoas participantes comezaron a construír espazos simbólicos e reais nos que sentirse protagonistas. Para iso, empregaron ferramentas de intelixencia artificial como recurso facilitador e creativo. Primeiro, a través de imaxes, e máis adiante, da música, que tivo un peso fundamental para o grupo. O resultado foi a creación espontánea da canción Inclusión en Compostela, dispoñible en YouTube.
A letra, inspirada e creada polas propias persoas participantes, proclama con forza mensaxes como “Queremos inclusión e loitaremos por ela” ou “Non somos invisibles, podemos cambiar o destino”. Para a súa elaboración, utilizáronse aplicacións de IA nas que se introduciron palabras clave, estilos musicais desexados e ritmos. O grupo escolleu por votación a versión final, converténdose así en axentes activos de todas as decisións do proceso.
A iniciativa musical tamén se conectou co proxecto Conta con nós, no que Down Compostela traballa a sensibilización en contornas educativas mediante contacontos. A primeira canción creada foi precisamente para acompañar unha destas sesións, facendo o conto máis dinámico e integrando música e coreografía como ferramentas expresivas.
Sen dúbida esta foi unha proposta innovadora que combina tecnoloxía, participación social e creatividade como ferramentas para fortalecer o papel activo das persoas con discapacidade intelectual na sociedade. Iniciativas como esta demostran que a inclusión tamén se canta… e se baila.