Mozos e mozas das entidades Down de Galicia organizan escapadas para desconectar do día a día

 

Nas últimas semanas, mozos e mozas vencellados a entidades Down de Galicia, organizaron varias escapadas a distintas localidades españolas, coas que buscaban desconectar da rutina e desfrutar dunhas merecidas xornadas de descanso.

O lecer desempeña un papel fundamental na calidade de vida das persoas coa síndrome de Down, xa que favorece o seu desenvolvemento persoal, social e emocional. Participar en actividades recreativas permítelles expresarse libremente, fortalecer as súas habilidades, establecer vínculos afectivos e experimentar a satisfacción dun tempo libre ben aproveitado. Non se trata só de entretemento, senón dunha vía esencial para a súa inclusión e benestar.

Neste sentido, o lecer inclusivo cobra especial relevancia: é imprescindible garantir que as persoas con síndrome de Down poidan gozar das vacacións, da cultura e do deporte en igualdade de condicións que o resto da poboación. Isto implica eliminar barreiras físicas e sociais, adaptar propostas ás súas necesidades e promover espazos onde todas as persoas poidan convivir e compartir experiencias sen discriminación.

 

Así, mozos e mozas de Down Pontevedra “Xuntos” fixeron unha pequena escapada á Ribeira Sacra ourensá, onde gozaron dunha contorna privilexiada e unhas preciosas vistas ao Río Miño. Durante esta escapada, os mozos e mozas desfrutaron dunha viaxe en catamarán polos Cañóns do Sil, onde puideron admirar unha paisaxe única. Ademais, organizaron unha ruta de sendeirismo na zona próxima á casa rural na que se quedaron e sorprendéronse coa temperatura da auga das Burgas na súa visita á cidade de Ourense.

 

Pola súa banda, persoas vencelladas a Down Compostela escolleron as Illas Canarias como destino, buscando bo tempo nunha zona privilexiada. Tenerife foi a illa seleccionada para esta experiencia, na que coñeceron novos lugares, persoas e unha oferta gastronómica única. Os viaxeiros e viaxeiras destacan de entre as experiencias vividas durante estes días, a visita ao Loro Parque, o paseo por Puerto de la Cruz e o concerto tributo a Michael Jackson do que desfrutaron. Pero, sobre todo, as clases de aquagym no hotel no que se hospedaron, porque os plans de praia e piscina sempre son benvidos.

 

Por último, os mozos e mozas de Down Vigo visitaron a vila de Salou, onde coincidiron cun grupo de Down Tarragona. Xuntos compartiron multitude de experiencias, como un picnic nocturno na praia e moitas risas. Ademais, foron en tren ata Port Aventura, onde pasaron un día xenial entre tanta atracción, e desfrutaron do ocio nocturno do aloxamento no que se aloxaban. As festas, o bingo, os bailes, os concursos e a piscina puxeron a guinda a unhas vacacións estupendas.

Recoñecer e fomentar o dereito a un ocio en igualdade de condicións é clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, empática e diversa.

Ir o contido