Cando a inclusión comeza na comunidade: a importancia da participación social

 

A participación en actividades sociais e comunitarias é fundamental para o desenvolvemento persoal e a inclusión de todas as persoas. No caso de quen ten síndrome de Down ou outro tipo de discapacidade, estas experiencias resultan especialmente valiosas, xa que fortalecen as habilidades sociais, fomentan a autonomía e reforzan a autoestima. Estar incluídos en espazos compartidos non só promove a aprendizaxe mutua, senón que tamén permite visibilizar capacidades que moitas veces pasan desapercibidas.

Ademais, cando as persoas con discapacidade forman parte activa do seu entorno, favorécese unha sociedade máis xusta, diversa e inclusiva. Estes espazos de encontro axudan a rachar estereotipos, a xerar vínculos reais e a lembrar que todos, sen excepción, temos algo importante que achegar. A inclusión non é só un obxectivo: é unha maneira de enriquecer a vida en comunidade.

 

Celebración dos Maios en Vigo

Con esta premisa, varias persoas vencelladas a Down Vigo participaron na celebración dos Maios do barrio do Calvario, onde se atopa situada a súa sede. Xunto coa veciñanza e persoas de outras entidades sociais, construíron catro maios, mantendo viva esta tradición ancestral e o seu valor cultura, simbólico e comunitario.

A celebración dos Maios en Galicia é unha festa tradicional, na que se dá a benvida á primavera. Consiste, principalmente, na creación dos chamados “maios”, figuras ou estruturas feitas de flores, herbas e outros elementos naturais.

 

Actividades comunitarias en Pontevedra

Pola súa banda, Down Pontevedra Xuntos tamén quixo celebrar a festa dos Maios con outras entidades e cos veciños e veciñas da súa zona.

Pero a entidade Down participa tamén en outras accións comunitarias de moito interese, como as actividades conxuntas realizadas con centros de día e residencias de persoas maiores, enmarcadas no proxecto de atención integral ao envellecemento que leva a cabo Xuntos.

Así, nos últimos meses visitaron a exposición “É tempo de xogar” con persoas vencelladas a Afapo, visitaron o Mercado de Abastos da cidade con Saraiva, cociñaron filloas e orellas con persoas usuarias do Centro de Día Contigo, tomaron café e deron un paseo con residentes na Residencia de Maiores Soremay e desfrutaron duns divertidos cantos de taberna coa asociación veciñal San Roque.

 

Porque participar é moito máis ca estar presente: é construír, compartir e facer comunidade entre todos e todas.

Ir o contido