Down Vigo e Down Pontevedra Xuntos comprométense co medio ambiente a través do programa Mares Circulares

 

As entidades Down Vigo e Down Pontevedra Xuntos participaron recentemente en sendas xornadas de limpeza de residuos en contornas fluviais dentro do programa Mares Circulares, unha iniciativa ambiental promovida por Coca-Cola Europacific Partners coa colaboración de diversas asociacións e institucións locais.

O pasado 23 de abril, 29 integrantes do programa de Formación de Down Vigo desprazáronse ata a senda do río Lagares para colaborar nunha batida de limpeza organizada pola Asociación Chelonia, coa participación da Fundación Celta de Vigo, o Concello de Vigo e voluntariado de CCEP. Grazas ao esforzo conxunto, conseguiuse recoller un total de 500 quilos de lixo e materiais reciclables.

Uns días despois, Down Pontevedra Xuntos sumouse a outra xornada do proxecto, desta volta no encoro de Baxe, no río Umía ao seu paso por Caldas de Reis. A acción reuniu a 42 voluntarios e voluntarias e logrou retirar 106,54 quilos de residuos. A xornada contou coa colaboración de entidades como Equilátero DSC, Esmerarte Industrias Creativas, Festival Portamérica, Asoprovida, UNED Pontevedra e o Concello de Caldas de Reis.

Os residuos recollidos foron clasificados en ambas xornadas por Chelonia, que tamén se encarga de incorporar os datos recollidos á base científica do programa. Esta información contribuirá ao desenvolvemento de propostas innovadoras para a conservación dos ecosistemas acuáticos.

Roberto Campo, director xerente de Down Vigo, destacou a importancia de iniciativas como esta para fomentar a inclusión social: “Agradecemos a oportunidade de participar nunha acción que permite que as persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual se impliquen no coidado do medio e reforcen o seu papel como cidadáns comprometidos”.

O programa Mares Circulares, que leva en marcha dende 2018, recolleu máis de 376 toneladas de residuos en toda España só no ano 2024, grazas á implicación de máis de 9.700 voluntarios.

Desde Down Galicia valoramos moi positivamente a participación das nosas entidades membro nestas accións ambientais, que amosan o compromiso das persoas con discapacidade intelectual co coidado do planeta e demostran a súa participación activa na nosa sociedade a través do voluntariado.

Ir o contido