A asociación Down Coruña e o Banco de Alimentos Rías Altas comparten un mesmo compromiso: construír unha sociedade máis solidaria onde todas as persoas teñen algo valioso que achegar. No marco do convenio de colaboración que une a ambas entidades, un grupo de persoas socias da entidade Down participou activamente nunha recollida de alimentos nun supermercado Familia da cidade herculina.
Catro adultos integrantes do programa de Voluntariado Inclusivo, acompañados por unha profesional da entidade, incorporáronse ao equipo do Banco de Alimentos para levar a cabo tarefas fundamentais na xornada: dar a benvida aos clientes do establecemento, informarlles sobre os produtos máis necesarios mediante folletos explicativos, recoller as doazóns, organizar e armar caixas, e agradecer a cada persoa a súa xenerosidade.
A acollida por parte da clientela do supermercado foi excelente, e a actitude dos catro voluntarios, exemplar: implicación, responsabilidade e orgullo de contribuír a unha causa que beneficia a toda a comunidade.
Esta iniciativa é, ademais, unha demostración tanxible de algo no que creemos profundamente desde o Movemento Down en Galicia: as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais son axentes activos da sociedade. Participan, colaboran, lideran e transforman a contorna que lles rodea.