Down Galicia e o grupo empresarial Tesalia asinan un convenio de colaboración para a mellora da capacitación tecnolóxica de persoas usuarias e profesionais do Movemento Down

 

A Federación Down Galicia e o grupo empresarial conformado por Emetel Sistemas SLU, Agata Technology S.L. e Tesalia Capital SLU veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto a suma dos seus esforzos para a posta en marcha e desenvolvemento, principalmente, de programas de formación en tecnoloxías, tanto para persoas usuarias das entidades Down e as súas familias, como para profesionais das mesmas.

Estas formacións estarán centradas na seguridade e ciberseguridade, a navegación por Internet, o uso das redes sociais e distintas aplicacións ou o manexo do paquete Office, entre outras.

Ademais, o acordo recolle tamén propostas como o asesoramento e soporte por parte do grupo empresarial en consultoría de sistemas informáticos, a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social e o desenvolvemento tecnolóxico, a posible doazón de equipamentos ou a colaboración na inserción laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais usuarias do servizo de Emprego con Apoio das entidades Down de Galicia.

 

 

Sobre Emetel Sistemas SLU:

Emetel Sistemas é unha consultora tecnolóxica que facilita a dixitalización segura e efectiva dos procesos de negocio mediante a implantación de solucións tecnolóxicas innovadoras e personalizadas.

Sobre Ágata Technology S.L:

Ágata Technology é a compañía creadora da plataforma Smart IoT de optimización de procesos de negocio. Son facilitadores da era tecnolóxica, proporcionando unha experiencia dixital única e achegando a tecnoloxía ás persoas.

Sobre Tesalia Capital SLU:

Tesalia Capital nace coa misión de impulsar empresas do sector da tecnoloxía e desenvolver proxectos estratéxicos e empresariais de alto valor que xeren sinerxias.

Ir o contido