Down Galicia, finalista do premio Youtubeir@s á calidade lingüística

A Federación Down Galicia foi distinguida onte, nunha gala celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, como unha das entidades finalistas ao Premio Youtubeir@s 2019 á calidade lingüística polo seu vídeo “OrientaConsello – O posto de ordenanza”. Este premio recoñece o uso coidado e correcto da lingua en calquera das súas variantes dialectais.

Os OrientaConsellos son unha iniciativa da Federación que reivindica a inclusión e a filosofía colaborativa da rede, compartindo con todas aquelas persoas que o desexen consellos e trucos que as axuden na complicada tarefa que supón atopar un traballo. Neste caso en concreto, Paula Fernández, usuaria da Fundación Down Compostela, explica e describe as características do posto de ordenanza, apoiando con exemplos as súas funcións e bo facer.

Os premios Youtubeir@s teñen como finalidade ser acicate da creación e difusión de vídeos de opinión e videotitoriais en galego. Procuran a súa promoción e visibilización a través da Rede, así como o recoñecemento daqueles de maior creatividade, calidade técnica, eficiencia comunicativa e calidade lingüística.

Os premiados e premiadas nesta edición foron:

  • Premio ao mellor vídeo-facermos: Aarón Vilariño, polo seu vídeo “O radón: un gas nobre con malos modais”
  • Premio ao mellor vídeo-opinarmos: Xacobo de Toro e Rocío Romar, polo seu vídeo “Como se forma un cantil”
  • Premio á mellor canle: Aquel-e
  • Premio ao mellor vídeo-cantarmos: Blanca e Tinta por “O queimaserebros”
  • Premio á creatividade: Canle Cativos na Cociña
  • Premio á eficiencia comunicativa: MJ Pérez, polo vídeo “Malaxente”
  • Premio á calidade técnica: Aarón Vilariño, polo vídeo clip “Quero fugir”
  • Premio á calidade lingüística: A Rabela, polo seu vídeo “21 días rapeando”
  • #propostayoutubeira: Flow do Toxo

 

A iniciativa Youtubeir@s

Youtubeir@s xorde para fomentar e visibilizar o uso do galego a través dunha das redes sociais máis influentes do momento, Youtube.

Esta iniciativa está organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Ir o contido