Down Galicia inaugura unha exposición fotográfica centrada no traballo diario das súas entidades

Down Galicia vén de inaugurar a exposición “Acompáñasnos no camiño cara a inclusión real?”, unha mostra fotográfica que reflicte o traballo diario da Federación e as súas entidades membro a prol dos dereitos e a inclusión das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Esta exposición está integrada no marco do programa “Capacitarte”, impulsado polo  CERMI Galicia e a Consellería de Política Social, e poderase visitar na sede da Xunta de Galicia en San Caetano (Santiago de Compostela) ata o 14 de maio.

No acto de inauguración, ao que non quixeron faltar moitas das persoas pertencentes ao movemento Down en Galicia, estiveron presentes a Directora  Xeral de  Maiores e  Persoas con Discapacidade, Fabiola García; o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto; e varios membros da xunta directiva do  CERMI Galicia.

O presidente de Down Galicia quixo resaltar durante a súa intervención “a importancia de ofrecer oportunidades ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais porque, cos apoios adecuados, son capaces de todo”.

Esta exposición, composta por 19 paneis de 70×100 centímetros, amosa varios momentos das distintas actividades levadas a cabo nas entidades Down de Galicia. Así, podemos ser testemuñas dunha sesión de atención temperá, instantes de lecer inclusivo, xornadas de duro traballo en empresas ordinarias ou actividades orientadas á consecución dun envellecemento máis activo, entre outras.

A través desta mostra Down Galicia pretende visibilizar os seus máis de 20 anos traballando a prol da igualdade de oportunidades e a inclusión social. Desde o seu nacemento, o obxectivo prioritario da Federación foi conseguir que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais conseguisen as máis altas cotas de autonomía posibles para levar unha vida autónoma, tomar as súas propias decisións e formar parte da sociedade dunha maneira visible e inclusiva.

Ir o contido