O pasado martes, varias persoas vencelladas ás entidades Down de Galicia participaron nun novo encontro autonómico online de irmáns e irmás de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
O obxectivo desta xuntanza, que vai xa pola súa cuarta edición, foi fomentar a implicación dos irmáns e irmás de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais na vida asociativa das entidades Down de Galicia, favorecendo ademais a creación de redes de apoio e colaboración a nivel local.
Para avanzar neste propósito, o encontro contou coa participación de Mar Rodríguez, nova presidenta de Down España e membro da Rede Nacional de Irmáns da federación estatal, e Yolanda Ariza, compoñente tamén deste grupo, que compartiron a súa experiencia e explicaron o funcionamento desta iniciativa a nivel nacional, dando a coñecer as oportunidades de participación, intercambio e apoio mutuo que ofrece.
O encontro tamén serviu de escenario para a posta en común de experiencias das persoas participantes, que compartiron as súas vivencias e o traballo levado a cabo nas súas entidades locais.
No remate da xuntanza, as persoas participantes coincidiron na necesidade de contar con máis espazos coma este, onde intercambiar ideas, consellos e información, e tamén a importancia do seu papel na vida dos seus irmáns e irmás.
A importancia dos irmáns e irmás
Os irmáns e as irmás das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais son un piar fundamental nas súas vidas. Algo que tamén sucede á inversa. Teñen unha posición privilexiada á hora de detectar algunhas das necesidades e reclamos que ten a persoa con discapacidade, e son tamén os principais valedores dos seus irmáns e irmás e quen máis lles impulsan cara a unha vida autónoma e independente.
Deste xeito, é importante contar con grupos de apoio de irmáns e irmás de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, xa que haberá determinados temas ou situacións que outro irmán ou irmá entenderá mellor e ofrecerá outra visión ou punto de vista.
Así, nestes encontros búscase crear vínculos entre irmáns e irmás de persoas con discapacidade intelectual e capacitalos para que se convertan nun referente para a persoa con discapacidade e impulsen a súa autonomía e independencia persoal, nun espazo no que facer oír e valer a súa opinión.