O pasado xoves, unha vintena de persoas vencelladas ás entidades Down de toda Galicia participaron no encontro online de irmáns e irmás de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Esta xuntanza, que celebrou a súa segunda edición a nivel autonómico, serviu de escenario para a posta en común de diferentes cuestións de interese, como as actividades que máis interesan aos seus irmáns e irmás ou cales se consideran máis necesarias de cara a conseguir o obxectivo da autonomía, como estar máis presente nalgunhas desas actividades ou que consideran que se pode facer desde as entidades Down para dinamizar a participación.
Tamén se intercambiaron opinións sobre as necesidades que o Estado do Benestar debería cubrir, como melloras no transporte desde as zonas rurais para que as persoas con discapacidade poidan acudir tanto ás entidades como ás actividades da contorna, así como a necesidade de axilizar os trámites burocráticos ou o impulso de outros modelos para a vida adulta e independente, como pode ser o cohousing.
Por último, as persoas asistentes valoraron a idea de que desde as entidades Down se poida ofrecer orientación sobre aquelas necesidades que elas poidan cubrir como irmáns e irmás, e coméntase a posibilidade de que os e as máis veteranas poidan acompañar no camiño a aquelas que comezan nas entidades.
No remate da xuntanza, as persoas participantes coincidiron na importancia de contar con máis espazos coma este, onde intercambiar ideas, consellos e información, e manifestaron o seu interese en organizar máis encontros, tanto deste tipo coma en conxunto cos seus irmáns e irmás.
A importancia dos irmáns e irmás
Os irmáns e as irmás das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais son un piar fundamental nas súas vidas. Algo que tamén sucede á inversa. Teñen unha posición privilexiada á hora de detectar algunhas das necesidades e reclamos que ten a persoa con discapacidade, e son tamén os principais valedores dos seus irmáns e irmás e quen máis lles impulsan cara a unha vida autónoma e independente.
Deste xeito, é importante contar con grupos de apoio de irmáns e irmás de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, xa que haberá determinados temas ou situacións que outro irmán ou irmá entenderá mellor e ofrecerá outra visión ou punto de vista.
Así, nestes encontros búscase crear vínculos entre irmáns e irmás de persoas con discapacidade intelectual e capacitalos para que se convertan nun referente para a persoa con discapacidade e impulsen a súa autonomía e independencia persoal, nun espazo no que facer oír e valer a súa opinión.
A organización deste encontro foi posible grazas á colaboración económica da Consellería de Política Social e Igualdade.