Down Lugo inaugura a exposición fotográfica “Olladas do Camiño”

Imaxe da exposición “Olladas do Camiño”

 

Desde mañá e ata o vindeiro 30 de setembro, todas aquelas persoas que o desexen poderán desfrutar da exposición fotográfica “Olladas do Camiño” que Down Lugo inaugura na sede da asociación (R/ Miguel de Cervantes, 34, baixo – Lugo).

Nesta mostra, coa que se busca poñer en valor o patrimonio cultural e humano do Camiño de Santiago, amosaranse distintas imaxes capturadas polas persoas usuarias da entidade en lugares tan emblemáticos do Camiño Francés como Samos e O Cebreiro.

Esta exposición forma parte do proxecto de dinamización do Xacobeo 2021 de Down Lugo, subvencionado pola Axencia de Turismo de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.

 

O traballo previo á exposición

Coa idea de conseguir as mellores instantáneas para a exposición, os rapaces e rapazas da entidade foron de viaxe o pasado 16 de setembro para coñecer algún dos lugares máis destacados da ruta xacobea.

En O Cebreiro, divididas en pequenos grupos, coñeceron e fotografaron en profundidade o coñecido pobo, a súa contorna natural e o seu rico patrimonio: a Igrexa de Santa María Real, as pallozas milenarias e o museo etnográfico.

Posteriormente, o grupo desprazouse a Samos, onde puideron capturar a grandeza do mosteiro, o paseo fluvial ou a casa dos biscoitos.

Trala viaxe, tocou revisar a totalidade das fotografías para poder escoller as máis bonitas e preparalas para organizar unha exposición que reflectise a beleza e a grandeza cultural e humana do Camiño de Santiago.

A través deste tipo de iniciativas, as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais amosan o seu interese por descubrir novos lugares, por dar a coñecer as súas habilidades artísticas e, por suposto, por reivindicar o seu dereito á participación mediante a realización de distintas actividades culturais.

 

Ir o contido