A asociación Down Lugo clausurou este martes a terceira edición do Proxecto Troya, coa celebración dun acto na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela do Campus de Lugo, no que nove participantes recibiron o diploma tras completar unha formación en competencias de marketing, finanzas e marca persoal, deseñada para mellorar a súa empregabilidade.
O vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco Fraga, presidiu o acto de peche do proxecto, que tivo lugar no Salón de Graos da Facultade de ADE de cidade amurallada. Contou tamén coa asistencia de María Ángeles López, directora da Aula TIC-PEMEs; María José Blanco, presidenta de Down Lugo; e do deputado provincial Pablo Rivera. A estudante Alba Abuín interviu en representación do resto do estudantado.
Este proxecto, que naceu en 2022 impulsado pola Aula TIC PEMEs da citada facultade, ten como obxectivo achegar as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual ao contorno académico e empresarial, promovendo así o seu desenvolvemento persoal e profesional e ampliando as súas oportunidades laborais.
Durante esta edición participaron nove persoas, que recibiron formación en competencias empresariais e habilidades demandadas polo mercado laboral e superaron un itinerario académico que combinou clases teóricas cun acompañamento práctico similar ao mentoring.
De xeito semanal, entre setembro e novembro, oito docentes universitarios desenvolveron un programa formativo que busca o desenvolvemento de habilidades empresariais e que abrangue distintas materias vinculadas coa xestión empresarial, a dirección comercial e financeira, a tecnoloxía, a contabilidade e o fortalecemento da marca persoal e profesional, demostrando a súa implicación na aprendizaxe e no crecemento das persoas participantes.
Segundo trasladan desde Down Lugo, foi unha experiencia moi positiva para todas as persoas implicadas e segue poñendo de manifesto a necesidade de transformar a realidade actual do mercado laboral para que deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade.