Down Ourense presenta o seu calendario solidario 2026

A Asociación Down Ourense presentou esta mañá na sede da entidade o seu calendario solidario 2026, que se pode adquirir a partir do día de hoxe en diversos puntos da cidade.

De novo, a asociación contou coa colaboración do fotógrafo Emilio Romanos Castiñeira, que inmortalizou coa súa cámara momentos curiosos das persoas usuarias na nova sede da entidade, que se inaugurou o pasado 21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down. O obxectivo desta sesión de fotos é dar a coñecer o local e ilustrar o traballo que se desenvolve nel. Pola súa parte, a Deputación de Ourense colaborou sufragando unha cuarta parte da impresión dos calendarios.

No acto de presentación do almanaque participaron a deputada provincial de Políticas Sociais, Patricia Torres Madureira e o tesoureiro da Asociación Down Ourense, Rafael Cabezas Enríquez.

Na súa intervención, Rafael Cabezas destacou que esta iniciativa representa para Down Ourense non só unha boa fonte de financiamento, senón tamén unha vía interesante para facer visible ás persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Tamén quixo “agradecer o apoio das empresas colaboradoras e da Deputación de Ourense, que coa súa axuda nos permitiu realizar o calendario”, e aproveitou a súa intervención para lembrar que “este ano, ademais, será un espazo para visibilizar a nova sede da asociación”.

Este ano a tirada será de 800 exemplares: 400 calendarios de parede e 400 calendarios de mesa. Todos eles terán un prezo de 5€ e os beneficios obtidos coa súa venda irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía persoal que se levan a cabo en Down Ourense e que, actualmente, dan servizo a 100 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias.

Aquelas persoas que así o desexen, poden adquirir o seu calendario solidario na propia asociación (Rúa Río Camba, 6) e na tenda Angelo Milano (Rúa do Paseo, 30). A iniciativa é posible grazas á colaboración de Electricidad Javier Bello, Transportes E.Cid, Electricidad Electel, Forneiro, CIE Galfor, Ourenmatel, CEIP de Quiroga e Ouro de Quiroga.

Ir o contido