Down Vigo e a empresa de automoción Magna Seating asinan un convenio de colaboración para facilitar a inclusión laboral do colectivo

O presidente de Down Vigo, José Manuel García Orois, e o director de Recursos Humanos da empresa de automoción Magna Seating Vigo S.A., Luis Cornide, asinaron o pasado venres un convenio de colaboración para facilitar a inclusión laboral de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

A empresa adquire desta forma o compromiso de facilitar a inclusión laboral de persoas usuarias da entidade, permitíndolles acceder a postos tan diversos como operario de produción, auxiliar administrativo ou de apoio en comedor.

No acto, ao que tamén asistiron a responsable de Emprego de Down Vigo, Eva Alonso, e a responsable de Comunicación do departamento de Recursos Humanos de Magna Seating, Estefanía Cruz, incidiuse na importancia deste acordo, que se produce nun momento de especial dificultade debido á pandemia sanitaria que afecta non só á saúde pública senón a todo o tecido socioeconómico.

Na actualidade, 55 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais usuarias de Down Vigo atópanse traballando en empresas ordinarias da cidade olívica e a súa contorna.

Magna Seating Vigo, provedora automobilística con presenza en 27 países, está situada no Polígono industrial As Gándaras (O Porriño) e actualmente conta cun equipo de traballo de máis de 600 persoas.

Ir o contido