Fin de semana de ocio e diversión no Encontro de persoas mozas e adultas de Down Galicia

 

Un centenar de persoas con e sen discapacidade vencelladas a entidades Down de toda Galicia desfrutaron esta fin de semana de dous días de ocio e diversión no Encontro de persoas mozas e adultas 2024, organizado pola Federación Down Galicia.

Esta xornada, celebrada na cidade de Lugo, tivo como obxectivo principal proporcionar un lugar de encontro a mozos e mozas maiores de idade de toda a comunidade autónoma no que poder ampliar o seu círculo de relacións, crear novos lazos de amizade e poñer en común inquedanzas, preocupacións, soños e logros nun contexto de convivencia totalmente inclusivo.

 

Un programa cheo de ocio e diversión

Para a programación deste encontro, Down Galicia tivo en conta as opinións e suxestións das persoas participantes no mesmo, creando un programa acorde aos seus gustos e preferencias. Deste xeito, tras unha sondaxe previa, acordouse que a xornada tivese lugar na cidade de Lugo e que o ocio e o tempo de lecer fosen prioritarios.

Así, durante a mañá do sábado, as persoas participantes foron chegando á cidade amurallada para comezar a compartir tempo con mozos e mozas de outras cidades galegas, paseando e desfrutando ata a hora do xantar.

Trala comida nun coñecido restaurante da cidade, as persoas participantes dividíronse en grupos para realizar unha xincana polo casco histórico de Lugo, coa que coñecer mellor a historia da localidade e continuar relacionándose entre si.

Unha vez finalizadas as visitas, o grupo desfrutou de tempo libre ata a cea-baile, que se alongou ata ben entrada a madrugada. Unha vez finalizada, os e as máis festeiras decidiron continuar coa diversión nos locais da cidade, bailando e cantando ata que o corpo aguantou.

Na mañá do domingo, realizouse un roteiro pola muralla de Lugo, desde onde as persoas participantes puideron observar con máis perspectiva os puntos visitados o día anterior, así como contemplar varios murais artísticos representativos da cultura romana e castrexa.

Tras este paseo, o encontro rematou cun xantar onde as sensacións non podían ser máis positivas. Adxectivos como “espectacular” e “xenial” bulían entre as persoas participantes, que comentaban cos seus compañeiros e compañeiras que esperaban poder “repetir canto antes” porque foi “unha fin de semana moi divertida”.

 

A importancia da inclusión social

A inclusión na sociedade é un dereito fundamental para calquera persoa. Participar dos recursos e das actividades que ofrece a comunidade é un dos piares clave para a consecución da inclusión das persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual. O desenvolvemento da autonomía persoal e social é importante para calquera ser humano e constitúe un dos puntos fortes para o seu proceso de desenvolvemento e para a súa maduración.

Dende o Movemento Down en Galicia entendemos que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden vivir dun xeito autónomo e independente, desfrutando dos recursos e actividades que ofrece a comunidade para unha inclusión sen barreiras e en igualdade de condicións que o resto da poboación.

A realización do Encontro de persoas mozas e adultas 2024 é posible grazas á achega da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).

Ir o contido