Unha curtametraxe creada por membros de Xuntos acada un dos premios do concurso “Curtas D-Medo”

“A ponte dxs mortxs”, unha terrorífica curtametraxe creada por persoas usuarias de Down Pontevedra Xuntos, acaba de ser galardoada no concurso “Curtas D-Medo 2026” organizado polo Concello de Barro. Nesta edición conseguiron alzarse co primeiro premio da categoría “Tardos” para persoas afeccionadas, ao que concorreron xunto con outras pezas de gran nivel.

Adriana, Abel, Edison, Enmanuel Jesús, Francisco Javier e Laura son os artífices desta creación audiovisual, centrada na maldición dunha ponte pola que non se debe camiñar en soidade. Os creadores e creadoras contaron coa axuda de Carolina, Eloy, Jessica, Laura, Martín e Pablo, tamén usuarios e usuarias de Xuntos, que ademais de colaborar e participar como extras na curta gañadora, idearon unha segunda peza, “A defunta comuñón”, que non foi premiada nesta ocasión.

Para a preparación destas dúas curtametraxes dedicaron un total de cinco sesións de traballo, nas que o grupo participou activamente en todas as fases: dende a elección das temáticas ata a gravación final. Os mozos e mozas participantes decidiron os argumentos e as personaxes, elaboraron os guións, prepararon o vestiario e o atrezzo, e mesmo aportaron materiais propios. A gravación, coordinada polas profesionais da entidade Patri, Sandra e Tania, desenvolveuse en escenarios da contorna máis próxima, a onde as persoas protagonistas se achegaron en transporte público.

En canto ao premio, consistente en 100€, acordaron repartilos entre todas as persoas participantes e gastalos en algo conxunto. As ideas son moitas, pero polo momento vai en cabeza unha actividade lúdica, como unha xornada de laser tag, unha boa merenda ou investir parte do gañado en mercar material para vindeiras edicións do certame.

 

Certame “Curtas D-Medo”

O certame “Curtas D-Medo” foi creado hai 10 anos co obxectivo de dinamizar a creación en lingua galega entre a poboación do Concello de Barro, explorar e dar a coñecer a creatividade audiovisual a través da gravación de curtas, fomentar o uso do galego nunha actividade actual e atractiva para o público mozo e ser un centro de transferencia e dinamización cultural.

Xuntos participa neste certame dende o ano 2016, exceptuando as edicións de 2020 e 2024, e este recoñecemento súmase a unha traxectoria chea de logros, xa que o grupo quedou en primeiros postos con seis curtas ao longo destes anos. Porén, para as mozas e mozos participantes, o maior premio segue a ser o recoñecemento ao seu esforzo, a convivencia e o desfrute compartido durante todo o proceso creativo.

A experiencia supón unha ferramenta de inclusión e sensibilización, que favorece a participación activa das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, promovendo a toma de decisións, o diálogo, a expresión corporal e o traballo en equipo.

O certame Curtas D-Medo é, así, un exemplo de como o audiovisual pode contribuír á visibilización do talento e da diversidade presentes na sociedade.

Skip to content