Laura e Javier, dous mozos membros de Down Lugo, tiveron estes meses de verán a oportunidade de realizar senllas formacións prácticas en dous establecementos comerciais de Burela, unha iniciativa impulsada por ACIA Burela, entidade sen ánimo de lucro que traballa para promover o comercio local, a industria e o emprendemento no municipio. A proposta contou coa colaboración de Librería Aris e Nëo Moda, que abriron as súas portas para facilitar estas experiencias formativas en contornas laborais ordinarias e favorecer así a adquisición de novas competencias e habilidades profesionais.
Ao longo desta experiencia, Laura e Javier participaron en diferentes tarefas propias da actividade comercial, como a atención á clientela, a preparación de escaparates ou a organización de materiais. Unha experiencia que permitiu poñer en valor as súas capacidades, así como a súa motivación, compromiso e responsabilidade, pero que tamén supuxo unha oportunidade de aprendizaxe mutua para todas as persoas implicadas. Como sinala ACIA Burela, foron días de traballo en equipo, aprendizaxe e convivencia nos que quedou demostrado o valor de ofrecer oportunidades reais para que cada persoa poida desenvolver o seu potencial.
Desde as entidades Down de Galicia destacamos a importancia de que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poidan acceder a experiencias formativas e laborais en empresas e espazos de traballo ordinarios, compartindo contornas e dinámicas co conxuntos dos traballadores e traballadoras, e non en espazos segregados. A inclusión laboral efectiva pasa precisamente por facilitar este tipo de oportunidades e por proporcionar os apoios necesarios para que cada persoa poida adquirir competencias, asumir responsabilidades e avanzar no seu proxecto profesional en igualdade de condicións.
Neste sentido, a colaboración de ACIA Burela, Librería Aris e Nëo Moda resulta fundamental para avanzar cara a un mercado laboral máis inclusivo. A implicación do tecido empresarial e comercial local é imprescindible para transformar a inclusión en oportunidades concretas e para demostrar que a diversidade tamén forma parte do día a día dos negocios.
Máis formación práctica en toda a provincia lucense
Ademais de Laura e Javier, outros mozos e mozas do programa de formación e inclusión sociolaboral de Down Lugo tamén puideron realizar a súa formación práctica no ámbito do comercio. No seu caso, as empresas colaboradoras foron Gadisa, Jysk, Kiwoko, Obramat, Maskideas e o Concello de Viveiro.
Desde Down Galicia queremos dar as grazas a todas as empresas e entidades participantes por confiar nas capacidades de todas as persoas e facer posible esta experiencia, que contribúe a construír un futuro con máis oportunidades laborais para as persoas con discapacidade intelectual.
Este programa está financiado pola Fundación ONCE, dentro da convocatoria UNO A UNO PIN 2025-2026, e cofinanciado polo FSE+ no marco do Programa de Inclusión Social, Garantía Infantil y Lucha contra la Pobreza 2021-2027.