O Servizo de Orientación Laboral de Down Galicia acumulou no pasado período 2.020 accións de orientación para un total de 274 persoas en busca activa de emprego. O balance está encadrado entre febreiro de 2023 e xaneiro de 2024, no caso das profesionais de orientación das provincias de A Coruña e Pontevedra, e de agosto de 2023 a agosto de 2024 da profesional que da servizo ás provincias de Lugo e Ourense.
As accións de orientación realizadas van encamiñadas a facilitarlle estratexias e recursos axeitados ás persoas inscritas na bolsa de demandantes do Servizo de Orientación de Down Galicia, de xeito que a súa busca activa de emprego sexa máis efectiva. Os grandes grupos de accións de orientación laboral compóñense de entrevistas personalizadas (1153) e sesións grupais (218), co obxectivo de responder ás necesidades das persoas demandantes de emprego en función do seu perfil profesional.
Por outra banda, tamén se levaron a cabo 70 itinerarios personalizados de inserción e se mantiveron reunións ou entrevistas telefónicas coas familias, chegando a un total de 174 nos meses analizados. Ademais de 91 visitas e contactos con entidades públicas e privadas, así como 14 a empresas de ámbito autonómico. Finalmente, este labor desenvolveuse grazas á coordinación co persoal técnico de Emprego das entidades Down e o equipo de Down Galicia, cun total de 300 reunións.
O servizo conta con persoal técnico especializado e realiza as súas actuacións nas principais cidades galegas. Para iso, contou con tres orientadoras laborais, que prestaron servizo itinerante desde tres centros de traballo, situados en Santiago de Compostela, Vigo e Ourense, para dar cobertura á provincia de A Coruña -Ferrol, A Coruña, e Compostela-; á provincia de Pontevedra -Pontevedra e Vigo-; e ás provincias de Ourense e Lugo, respectivamente.
O Servizo de Orientación Laboral de Down Galicia é centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, tendo competencias en materia de modificación de datos e actualización dos currículos das persoas demandantes derivadas á entidade. Durante o período referenciado, este servizo foi financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.