As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, reuníronse un ano máis para animar a que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario, na súa Declaración da Renda.
A Praza da Quintana en Santiago de Compostela foi a localización elixida para o acto de presentación da campaña que este ano adiantouse un día ao arranque da Renda 2026. Ás 11 horas entidades sociais e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe medrando e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.
Este ano a campaña arranca co lema O Xesto Lendario. Con inspiración cinematográfica, e baixo a consigna de que un xesto ‘épico’ cambia o destino de milleiros de vidas, anímase este ano a marcar o X Solidario e compartir nas redes co cancelo #OXestoLendario e #ElGestoLegendario.
O acto de rúa contou coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Instituto Europeo Campus Stellae e consistiu na elaboración dun ‘X’ xigante, previo á lectura do manifesto. Actos similares tiveron lugar en máis localidades de Galicia como Vigo e Verín.
A lectura do manifesto estivo a cargo do presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo, da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, e a vogal de EAPN Galicia Rede Galega contra a Pobreza, Saray Durán.
Ramón Sestayo, presidente do CERMI comezaba apelando á cidadanía “para seguir defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables da sociedade, é necesario apoiar ás entidades sociais e aos seus proxectos e programas destinados a favorecer a calidade de vida“. Enxalzou o labor social e económico do Terceiro Sector puntualizando que as entidades “ademais de xustificar os proxectos, invisten os cartos na xente. Creamos postos de traballos, que hai 187 mil persoas, e multiplicamos o valor social, transformando cada euro por tres”.
Inés Salteiro, directora da POIG sinalaba que “en Galicia, case 600.000 persoas viven en risco de pobreza ou exclusión social” animando á cidadanía a contribuír a reverter esta situación recalcando que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuír a realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.”
Finalmente, Saray Durán, de EAPN, reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de financiación, “replicar os modelos doutras comunidades autónomas que favorecen a estabilidade e simplificación burocrática dos programas anticipando a publicación da convocatoria e, sobre todo, adiantando a resolución e pago dos programas.”
:: Mantense a solidariedade da cidadanía cunha recadación maior
Durante o 2025, a campaña recadou en Galicia 30.127.138 €, grazas a que 793.189 contribuíntes (o 53,2% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 37’98 € por persoa, 4,56% máis que o ano anterior.
Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 3.607.069 € con respecto ao ano anterior, mantívose o número de contribuíntes, polo que é esencial que máis persoas se animen a contribuír. 698.443 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (578.825 non marcaron ningún recadro e 119.618 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 49.884.694€. (19.757.555€ máis).
A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 567.210.822€ grazas a que case de 12.400.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, significando o 50,5% do total das persoas declarantes.
:: Un xesto que beneficia a milleiros de persoas
No ano 2025, grazas ao X Solidario, 168 organizacións de acción social de toda Galicia, 21 máis que o ano anterior, puideron levar a cabo 773 proxectos que beneficiaron directamente a un mínimo de 184.388 persoas.
Os fondos reunidos do pasado ano contribuíron á mellora da calidade de vida da poboación máis vulnerable a través de numerosos proxectos sociais. Iniciativas que traballan a prol do fomento da autonomía e a participación comunitaria, na inclusión sociolaboral, no envellecemento activo, na participación activa da vida política e pública, na conciliación e mediación familiar, entre outros. En relación aos avances tecnolóxicos, moitos programas centráronse na alfabetización dixital, e na prevención e actuación ante os discursos de odio.
Todos estes proxectos teñen en común unha atención social individualizada, facendo protagonista á propia persoa do seu proceso. Cobren as necesidades de máis persoas en situación de vulnerabilidade e ofrecen unha confianza, proximidade e vínculo.
Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcar o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, non custa nada. Nin se paga máis nin se devolve menos e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.
:: O adianto da convocatoria favorece a estabilidade dos programas
A recadación resultante de marcar o X Solidario financia directamente programas e proxectos sociais a través de tres convocatorias da Xunta de Galicia, dependentes das Consellerías de Política Social e Igualdade; Cultura, Lingua e Xuventude; e Sanidade.
Actualmente, os prazos de publicación, resolución e pagamento ás entidades que se presentan a esta convocatoria, son moi axustados e dificultan notablemente, non só a planificación e execución dos programas presentados, senón tamén a súa xestión financeira.
Ademais de reiterar a necesidade de unificar nunha única convocatoria as tres actuais ou de asegurar, en todo caso, os mesmos requisitos e prazos nas mesmas, solicitamos replicar modelos doutras comunidades autónomas que favorecen a estabilidade e simplificación burocrática dos programas anticipando a publicación da convocatoria e, sobre todo, adiantando a resolución e pago dos programas nos meses de novembro e decembro.