O Congreso de Down Galicia conclúe que “a educación inclusiva será unha realidade cando ningunha familia deba loitar polo dereito á educación do seu fillo ou filla”

  • O Congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas” reuniu a 400 persoas no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela
  • O encontro contou con varios relatorios impartidos por profesionais de prestixio, así como con estratexias innovadoras compartidas por centros educativos galegos e estatais e experiencias de familias e alumnado
  • O Congreso remata con numerosas conclusións, destacando que “a inclusión necesita valentía e decisión dos poderes públicos” e que “é o momento de crear a sociedade que queremos desde las escolas”

 

A cidade de Santiago converteuse esta fin de semana no epicentro do debate sobre educación inclusiva coa celebración do Congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas”, organizado pola Federación Down Galicia.

Nun momento no que os retos sociais e educativos se fan cada vez máis visibles, é urxente reflexionar, compartir experiencias e construír estratexias comúns que garantan unha educación de calidade para todo o alumnado. É por iso que este congreso foi pensado como un espazo de encontro, diálogo e formación arredor da realidade da educación en Galicia e dos desafíos que supón acadar unha inclusión educativa real.

Durante dúas intensas xornadas, profesionais de renome a nivel estatal como Gerardo Echeita, Coral Elizondo e Antonio Márquez compartiron coñecementos e experiencias arredor da escola inclusiva, abordando cuestións clave como o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), a neurodiversidade ou os retos da participación social.

O Congreso contou tamén coa participación de Nuria Aparicio, vicepresidenta da asociación Solcom, e do avogado Juan Rodríguez Zapatero, referente na defensa do dereito á educación inclusiva. Ademais, houbo espazo para mesas de experiencias nas que centros educativos de Galicia e outras partes de España, alumnado e familias compartirán situacións e boas prácticas postas en marcha no sistema educativo.

 

Un programa repleto de contidos de interese

Trala apertura institucional, na que participaron Delmiro Prieto González, presidente de Down Galicia; Judith Fernández Novoa, Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa; e Pedro Blanco Lobeiras, Delegado do Goberno en Galicia, tivo lugar a conferencia inaugural “Cumpre o sistema educativo español coa Convención?”, na que Nuria Aparicio deu conta do incumprimento sistemático de España con este tratado internacional no eido da educación. Ese mesmo día, Rodríguez Zapatero interveu cun relatorio sobre a evolución da xurisprudencia en materia de educación inclusiva, na que analizou os principais avances legais e os desafíos pendentes para garantir unha escola que acolla e valore a diversidade.

Seguidamente da súa intervención, as persoas participantes puideron desfrutar dunha mesa redonda sobre a realidade da educación inclusiva en España, da que formaron parte Lucio Calleja Bachiller, Subdirector General de Cooperación Territorial e Innovación Educativa do Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes, así como os relatores Juan Rodríguez Zapatero e Nuria Aparicio. Cómpre dicir que a Consellería de Educación tamén estaba convidada a formar parte este espazo de debate, mais declinou a súa participación.

A xornada do venres finalizou cunha mesa de experiencias protagonizada por alumnado e familias, que buscaba poñer en valor a importancia da contorna social e dos apoios. Por un lado, Rosa e Óscar, dous estudantes dun instituto de Ferrol, compartiron a historia da súa amizade con Sara e Daniel, dous mozos coa síndrome de Down, e a súa implicación persoal na busca da súa participación na sociedade, e trasladaron propostas de mellora no eido inclusivo para o profesorado e demais persoas asistentes. Por outro, Sonia González, nai dunha moza coa síndrome de Down, relatou o paso da súa filla por un sistema educativo que nunca lle prestou os apoios axeitados a pesar do potencial co que contaba.

A segunda xornada estivo dedicada ás conferencias de Gerardo Echeita, Coral Elizondo e Antonio Márquez, nas que compartiron co público asistente os seus amplos e interesantes coñecementos sobre inclusión. Echeita conseguiu que as persoas alí presentes reflexionen sobre a construción de contornas nas que todas as persoas se sintan parte activa da comunidade, un enfoque que non só favorece a inclusión no ámbito educativo, senón que tamén fortalece o tecido social, e animounos a “crear a sociedade que queremos desde as escolas”. Elizondo, pola súa parte, animou a reflexionar de forma profunda sobre o valor da diversidade e a necesidade dunha ética inclusiva, reivindicando “unha educación que non busque homoxeneizar, senón transformar”. Por último, Márquez presentou o DUA 3.0. como unha ferramenta práctica e transformadora, centrada no deseño de actividades accesibles para todo o alumnado, e formulou desafíos prácticos cos que as persoas asistentes puideron adquirir coñecementos dun xeito áxil e divertido.

Durante o día tamén se levaron a cabo tres mesas de experiencias nas que participaron o CEIP Chano Piñeiro (Gondomar), o CEIP Nosa Señora de Xuvencos (Boborás), o CEIP Antonio Magariños (Cambados), o CEIP P. Mestre Ramiro Sabell (Ponteareas), o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) e o IES de Quiroga (Quiroga). A través destes espazos, o público presente puido coñecer de primeira man as iniciativas de éxito no eido da inclusión levadas a cabo nas diferentes etapas educativas destes centros educativos galegos, así como a importancia da perspectiva de centro para construír unha escola para todos e todas.

A última intervención do día correu a cargo do CEE Asprona de Almansa (Albacete), que compartiu a súa experiencia e o seu esforzo para reconverterse nun centro de recursos para a escola ordinaria, coa fin de contribuír, desde o seu coñecemento, experiencia e boas prácticas, á transformación dos centros de educación especial a un sistema verdadeiramente inclusivo. Ademais, compartiron unha experiencia concreta do funcionamento desta sinerxía entre o Centro de Educación Especial e un centro ordinario da súa contorna.

 

Conclusións do Congreso

Tras dúas sesións de interesante contido, Pepa Lockhart, unha estudante coa síndrome de Down, deu lectura ás conclusións extraídas das dúas xornadas deste Congreso:

  1. A educación inclusiva será unha realidade cando ningunha familia deba loitar polo dereito á educación do seu fillo ou filla
  2. A educación inclusiva non é un principio, é un dereito das persoas con discapacidade, independentemente dos apoios que necesite. Iso nunca pode ser unha escusa
  3. A inclusión necesita valentía e decisión dos poderes públicos
  4. É necesaria a reconversión dos Centros de Educación Especial a centros de apoio nun sistema educativo único
  5. A diversidade é a realidade e a educación é a dignidade das persoas
  6. A educación inclusiva é a vontade colectiva de facela suceder
  7. O importante nunha aula son as cualidades, non os informes
  8. O alumnado é un dos recursos máis potentes para a inclusión
  9. No corazón da inclusión está o sentido de pertenza
  10. Cada persoa aporta á aula a súa propia identidade
  11. O DUA non é unha receita de recursos, é un compromiso ético coa diversidade
  12. O DUA non se limita a eliminar barreiras visibles, tamén nos obriga a cuestionar as barreiras invisibles
  13. A inclusión non se improvisa, deséñase
  14. A escola inclusiva non se mide polo que se adapta, senón polo que transforma
  15. Imos crear a sociedade que queremos desde as escolas
  16. Non nolo están a poñer doado, pero estamos dispostos a loitar e a conseguilo

 

Pola súa banda, Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, quixo destacar a modo de conclusión que “o que non avanza, retrocede; e se a inclusión educativa non avanza é porque está indo cara atrás no conxunto do Estado”. Prieto engadiu que “só cabe esperar que a inclusión progrese na medida na que o profesorado asuma o reto de poñela en marcha e levala ás aulas para facela efectiva”. O presidente da Federación concluíu que “non se pode esperar polas administracións porque soamente retardan procesos e, en moitos casos, estorban”.

 

Ir o contido