O Movemento Down en Galicia organiza un acto en Ferrol para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down

 

O 21 de marzo conmemórase en todo o mundo o Día Mundial da Síndrome de Down, unha data escollida por Nacións Unidas [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Con motivo desta efeméride, o Movemento Down en Galicia organizará unha xornada de sensibilización coa que busca dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e facer oír súas reivindicacións.

Así, o Teatro Jofre de Ferrol acollerá, a partir das 19:00 horas, os actos conmemorativos do Día Mundial da Síndrome de Down, coincidindo co 30 aniversario da asociación Teima Down Ferrol.

 

Acto conmemorativo e xornada de sensibilización

Neste Día Mundial, os representantes das xuntas directivas de Teima Down Ferrol e Down Galicia estarán acompañados por varios representantes do Concello de Ferrol, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, entre outras institucións.

Pero unha vez máis, as verdadeiras protagonistas desta sinalada data serán as persoas coa síndrome de Down, que farán oír a súa voz a través da lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal.

Serán as encargadas, ademais, de entregar os IX Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares. Nesta edición, os galardóns recaen na categoría de persoa individual en Xoana Balado, por ser unha profesional de referencia para moitas familias con fillos e fillas coa síndrome de Down da comarca de Ferrolterra, así como unha firme defensora da atención temperá en particular, e da inclusión en xeral, e do importante papel das familias neste ámbito; e na categoría institucional no Centro Municipal de Emprego de Ferrol, por contar sempre coas persoas en risco de exclusión ou exclusión, concretamente coas persoas con discapacidade intelectual de Teima Down Ferrol, facendo dos seus programas e formacións para o emprego un punto de encontro inclusivo, xerando oportunidades para tódalas persoas.

Este acto central, aberto a toda a cidadanía, incluirá tamén un coloquio protagonizado por familias de Teima Down Ferrol, que porán de manifesto a importancia da inclusión en todas as etapas da vida dunha persoa a través de diferentes experiencias de vida.

A entrada a este evento será gratuíta.

Como chegar

 

Colaboracións na sensibilización polo Día Mundial da Síndrome de Down

Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down. Así, a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, as fontes da Rúa Aragón en Vigo, o concello de Lugo e o antigo concello de Santiago de Compostela, a Ponte Romana de Ourense, o Teatro Jofre en Ferrol, ou o edificio da Deputación da Coruña, entre outros, iluminaranse os vindeiros días 20 e 21 de marzo para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.

Por outra banda, Renfe únese tamén ás colaboracións coa Federación Down Galicia con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down. A Operadora colocou máis de 2.700 tarxetóns nos repousacabezas dos trens de Servizo Público que circulan polas vías galegas, ademais de difundir cartelería da conmemoración nas principais estacións, para dar así visibilidade ás persoas coa síndrome de Down.

Ir o contido