O Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol acolleu está mañá o acto de entrega da IV edición dos Premios Innovación en Saúde do Sergas, na que o “Protocolo de Avaliación e Seguimento do Envellecemento (ASE)” de Down Galicia foi distinguido como finalista entre todas as iniciativas recibidas na categoría de pacientes.
Down Galicia decidiu presentar este proxecto á cuarta edición dos Premios Innovación en Saúde porque, actualmente, non existe no sistema sanitario galego ningún procedemento que teña en conta o envellecemento prematuro e acelerado do colectivo de persoas coa síndrome de Down e que favoreza unha diagnose precoz e diferencial e unha boa atención.
É de vital importancia levar a cabo un exhaustivo control médico que teña en conta os problemas clínicos desde que son persoas adultas ata que envellecen, xa que, por unha banda, será necesario adiantar a idade de aplicación de certos protocolos para probas diagnósticas e, por outro, será de especial relevancia o coidado da saúde e a prevención da dependencia e a saúde mental.
O descoñecemento da realidade das persoas coa síndrome de Down nesta etapa vital xera moitas dificultades para a realización de diagnósticos que diferencien adecuadamente entre comportamentos ou condutas propias da persoa con discapacidade intelectual, doutros que poidan indicar a presenza dalgunha enfermidade mental ou deterioro cognitivo ou, incluso, de outras patoloxías como celiaquía, xordeira, problemas de tiroides, etc.
É de vital importancia, por tanto, que a Consellería de Sanidade veña de recoñecer o valor do “Protocolo de avaliación e seguimento do envellecemento das persoas coa síndrome de Down”, dando validez ao traballo levado a cabo polas entidades de Down Galicia nos últimos 10 anos e avalando os informes elaborados por estas, que recollen información de xeito sistematizado, obxectivo e periódico que contribúe á elaboración dun perfil de funcionamento que axuda a detectar cambios significativos que poidan ser indicadores da presenza dunha enfermidade ou trastorno.
Asumir que as persoas coa síndrome de Down vivirán moitos anos implica introducir as medidas necesarias que contribúan a alcanzar esta etapa vital coa maior calidade de vida posible e que permitan planificar este momento da vida da forma máis idónea.
Premiados nos IV Premios Innovación en Saúde
Ademais da Federación Down Galicia, tamén foron recoñecidos nesta xornada o proxecto de AFAGA titulado “Atención terapéutica a persoas con consciencia propia do diagnóstico de Alzheimer”, “Servizos sociosanitarios de proximidade” de FEGADACE, “Programa de facilitación ao acceso á consulta xinecolóxica para mulleres con TEA” de ASPANAES e o proxecto que levou o primeiro premio, “Asistente Crohn: O teu aliado na túa loita diaria” de Alberto Ruibal Ojea.
A entrega dos premios estivo presidida pola Secretaria Xeral da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, que estivo acompañada polo xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa; a xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente; a Directora de Procesos de Soporte da Área Sanitaria de Ferrol, Rocío Vílchez Simó; o Coordinador do Nodo da Área Sanitaria de Ferrol, Javier Quiles del Río; a Directora da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Patricia Rey Pérez; e o Director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero Fidalgo.
A finalidade dos Premios Innovación en Saúde é incentivar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como as dos pacientes e as súas asociacións a efecto de que poidan ser postas en marcha dentro do sistema sanitario público de Galicia.