Os Premios Alfredo Iglesias 2026 recoñecen o labor social de Down Compostela

A Fundación Down Compostela recibiu o recoñecemento á Acción Social nos Premios Alfredo Iglesias 2026, que se entregaron o pasado venres 16 de xaneiro no Hotel Congreso de Teo. Estes galardóns, que celebran a súa quinta edición, salientan a traxectoria de persoas e organizacións que contribúen de xeito destacado á cultura, á lingua e ao compromiso social no en Galicia.

O xurado destes premios, impulsados polo teense Álex Regueiro en lembranza do creador Alfredo Iglesias, distinguiu a Down Compostela no eido social polo traballo continuado da entidade a favor da inclusión e da visibilidade das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual. Este recoñecemento súmase ao labor diario da organización, que loita pola participación plena das persoas usuarias en todos os ámbitos da vida.

Na gala, á que asistiron un amplo número de representantes culturais, sociais e institucionais, tamén recibiron premios outras figuras e proxectos en áreas como as artes, o patrimonio, a ciencia e o compromiso social. A presenza de Down Compostela nesta relación de premiados refrenda o papel transformador da entidade no tecido comunitario galego.

Para Down Compostela, este galardón supón un impulso adicional para seguir promovendo a inclusión, o desenvolvemento de competencias e a visibilidade das persoas con síndrome de Down. A entidade quere compartir este recoñecemento con todas as familias, profesionais e persoas usuarias que fan posible cada día unha vida máis activa e autónoma.

Premios Alfredo Iglesias 2026:

  • Acción Cultural – Casa Museo Rosalía de Castro
  • Acción Patrimonial – Museo do Pobo Galego
  • Acción Social – Fundación Down Compostela
  • Acción Solidaria – Leila Nachawati
  • Arte – Fuco Reyes
  • Artesanía – Idoia Cuesta
  • Artista Revelación – Eris Mackenzie
  • Ciencia – Jorge Mira
  • Comunicación – Tareixa Navaza
  • Escrita – Paula Carballeira
  • Gastronomía – La Central Heladera
  • Ilustración – Kiko da Silva
  • Memoria – José Luis Míguez Abucide
  • Moda – Katuxa Platero
  • Música – Wöyza
  • Personaxe Revelación – Marisa Prisa
  • Promoción da Lingua – Esther Estévez
  • Traxectoria – Maca Reimóndez e Carmen Fernández
Ir o contido