Mozos e mozas de Down Compostela e alumnado de Maxisterio da USC estrean ‘Case’, un conto musicado

Persoas con discapacidade que participan no programa de Inclusión Social da Fundación Down Compostela e estudantes do Grao en Maxisterio da Universidade de Santiago de Compostela estrearon o pasado xoves 18 de decembro ‘Case’, un conto musicado creado de maneira colaborativa entre ambos os dous grupos. Trátase dun proxecto de aprendizaxe-servizo que celebra a creatividade, a diversidade e o valor único de cada persoa.

‘Case’ inspírase en ‘Ish’, o conto de Peter H. Reynolds, e fálanos de probar, de aprender e de gozar do proceso creativo. Porque a través do espírito creativo apréndese que pensar é moito máis marabilloso que “facelo ben”.

A mocidade de Down Compostela e de Maxisterio que participou neste proxecto estivo traballando durante catro meses para representar esta obra, na que unhas persoas exercían de actores e outras de músicos ou cantantes para contar un conto que fala de probar, aprender e gozar do proceso creativo.

As responsables do proxecto por parte da Fundación, Aloia Lema e Rebeca Esmorís, xunto coas profesoras de Maxisterio da USC, Carol Guillanders e María José Caamaño, promoveron esta iniciativa.

A representación realizouse no salón de actos de Down Compostela e contou cun público moi especial: o alumnado de 1º e 2º de Primaria do CEIP Quiroga Palacios, un total de 125 alumnos e alumnas que puideron gozar da representación e que remataron realizando unha actividade na que debuxaron o seu “case xarrón”.

Ir o contido