“Temos os mesmos dereitos, pero non as mesmas oportunidades”

 

O Teatro Jofre de Ferrol foi o escenario escollido pola Federación Down Galicia e pola asociación Teima Down Ferrol para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down. Nun acto que mesturou unha parte institucional con distintas experiencias de vida, as persoas coa síndrome de Down foron as verdadeiras protagonistas, poñendo de manifesto, entre outras moitas cousas, que o mundo non é accesible para elas, e reclamando, un ano máis, os seus dereitos.

Foron seis as persoas encargadas de dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, dando así voz a todo o colectivo e facendo fincapé en que as persoas coa síndrome de Down, coma calquera outra, queren vivir a vida que elas mesmas elixan.

“Ás veces non se fían de nós por ser diferentes ao resto ou non teñen en conta a nosa opinión”, indican. “Non nos gusta que nos traten mal por ter síndrome de Down. Temos os mesmos dereitos, pero non as mesmas oportunidades. Queremos que as persoas que se dedican á política falen sobre isto: Existimos. Hai discapacidade intelectual e síndrome de Down. Que fagan medidas para que poidamos acceder á educación, ao emprego e a ter unha vida mellor. E vixiar que se cumpran”, demandaron.

No acto tamén interviñeron o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a presidenta de Teima Down Ferrol, Patricia Serantes Castro; e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González.

O inicio correu a cargo da presidenta de Teima Down Ferrol, que aproveitou a súa quenda de palabra para agradecer a asistencia de tódalas persoas asistentes. Patricia Serantes deu a benvida ao evento resaltando o percorrido da entidade que preside durante os seus 30 anos de existencia e continuou a súa intervención destacando que aínda a día de hoxe “se dubida das capacidades das persoas coa síndrome de Down e non se lles permite pensar nin dirixir a súa propia vida”. Serantes indicou que “as limitacións que a sociedade lle pon ás persoas coa síndrome de Down non están asociadas á súa alteración xenética, xa que en ningún sitio está escrito que nacer cun cromosoma de máis implique unha futura exclusión na escola, no traballo ou no ocio”. A presidenta de Teima continuou incidindo en que “non os deixan ser, non os deixan estar, nos os deixan vivir a súa vida… e cando nace un fillo ou unha filla coa síndrome de Down, ninguén te prepara para esa exclusión. Por iso, o Día Mundial da Síndrome de Down non é un día de celebración, senón de reivindicación”

O presidente de Down Galicia, pola súa parte, quixo comezar a súa intervención felicitando a Teima Down Ferrol polo seu 30 aniversario e poñendo en valor “o gran traballo e o camiño percorrido nestas tres décadas”. Continuou o seu discurso poñendo de manifesto a falta de oportunidades laborais do colectivo e destacando que “segundo as estimacións, tan só un 5% das persoas coa síndrome de Down en idade laboral traballa na empresa ordinaria”. Prieto incidiu en que, á vista destes datos, “as persoas coa síndrome de Down teñen moi lonxe conseguir un trato xusto e igualitario no ámbito laboral con respecto ao resto da poboación”. O presidente da Federación quixo facer fincapé tamén na importancia da educación inclusiva, o paso previo para acadar unha inclusión laboral exitosa. Con respecto a este tema, asegurou que, “tendo en conta o que se quere facer pasar por inclusión e que os datos que ofrecen as administracións de xeito constante non son certos, as entidades Down seguirán demandando, sen descanso, unha educación inclusiva ata que sexa unha realidade”.

Ademais das intervencións das autoridades presentes, as persoas asistentes a este acto puideron desfrutar dun coloquio protagonizado por familias pertencentes a Teima Down Ferrol, que puxeron de manifesto a importancia da inclusión a través de diferentes experiencias de vida en ámbitos como a educación, o emprego ou a vida independente.

O acto contou tamén con dúas exhibicións do grupo de baile da Asociación San Xiao do Trebo de Cariño.

 

Premios Down Galicia

Down Galicia entregou nesta ocasión os IX Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.

O premio na categoría institucional foille concedido ao Centro Municipal de Emprego de Ferrol, por contar sempre coas persoas en risco de exclusión ou exclusión, concretamente coas persoas con discapacidade intelectual de Teima Down Ferrol, facendo dos seus programas e formacións para o emprego un punto de encontro inclusivo, xerando oportunidades para tódalas persoas. Mentres, na categoría de persoa particular, o galardón foille concedido a Xoana Balado, por ser unha profesional de referencia para moitas familias con fillos e fillas coa síndrome de Down da comarca de Ferrolterra, así como unha firme defensora da atención temperá en particular, e da inclusión en xeral, e do importante papel das familias neste ámbito.

O premio consiste nun recoñecemento simbólico e na entrega dunha figura representativa da imaxe Down realizada polo artesán galego Fernando Porto.

 

Colaboracións na sensibilización polo Día Mundial da Síndrome de Down

Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Así, a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, as fontes da Rúa Aragón en Vigo, os concellos de Lugo e Pontevedra, a pasarela Tanxurela en Lugo, a antiga casa consistorial de Santiago de Compostela, a Ponte Romana de Ourense, o Teatro Jofre en Ferrol, ou os edificios das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, entre outros, estarán iluminados durante estas xornadas para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.

Por outra banda, Renfe únese tamén ás colaboracións coa Federación Down Galicia con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down. A Operadora colocou máis de 2.700 tarxetóns nos repousacabezas dos trens de Servizo Público que circulan polas vías galegas, ademais de difundir cartelería da conmemoración nas principais estacións, para dar así visibilidade ás persoas coa síndrome de Down.

Ir o contido