Con motivo do Día Mundial da síndrome de Down, que se celebra hoxe en todo o mundo, Down Pontevedra Xuntos quixo reivindicar a importancia da inclusión das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais colocando unha gran pancarta na balconada da Casa da Luz, situada na histórica Praza da Verdura.
Neste evento, Manuel Pérez Cabo, presidente de Xuntos, Paula Villaverde Gondar, coordinadora da entidade; e Pedro García, Celso Luengo, Óscar Viñas e Miguel Pérez, persoas usuarias da asociación, estiveron acompañados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Protección cidadá, Eva Vilaverde, o concelleiro de urbanismo Alberto Oubiña, así como outras persoas representantes dos distintos partidos que integran a corporación municipal.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.
O presidente de Xuntos, Manuel Pérez Cabo, destaca que “o Día Mundial da Síndrome de Down é unha xornada para reivindicar” e indica que este ano as entidades Down queren “poñer o foco na falta de oportunidades laborais do colectivo, xa que os datos indican que soamente un 5% das persoas coa síndrome de Down traballa en contornas ordinarias”.
Visita institucional da Deputación
Previo á conmemoración deste Día Mundial da Síndrome de Down, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López; o vicepresidente, Rafael Domínguez; e a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, visitaron a sede de Down Pontevedra Xuntos na mañá do mércores 20 de marzo.
Esta é a primeira visita do novo executivo provincial, que quixo coñecer e primeira man as principais inquedanzas e demandas das persoas coa síndrome de Down usuarias de Xuntos, así como as da propia entidade.
Sensibilización na contorna
Ademais destes actos institucionais, Xuntos está a participar tamén en distintas actividades durante estas semanas co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre as capacidades das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Así, profesionais e persoas usuarias da entidade participaron en distintas xornadas de sensibilización en centros educativos da contorna, onde están a dar visibilidade á importancia de que todos os nenos e nenas compartan espazo nas aulas.
Ademais, tamén se realizaron varias sensibilizacións en distintos clubes deportivos, centros cívicos e asociacións pontevedresas, onde se puxo de manifesto o moito que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden ofrecer á sociedade da que forman parte.
Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Pontevedra Xuntos e o movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.