Traballo e Benestar financia os programas de autonomía persoal e o mantemento de Down Galicia

A Consellería de Traballo e Benestar contribuíu ao financiamento do mantemento e das actividades do servizo para a promoción da autonomía persoal que desenvolveu Down Galicia durante o ano 2015. Mediante un convenio de colaboración entre o departamento autonómico e a Federación, promóvense os programas orientados especificamente a favorecer a autonomía e a integración socio laboral das persoas coa síndrome de Down, atendendo á experiencia, equipo humano e medios dos que dispón Down Galicia para desenvolver a atención requirida. Así, o Servizo para a Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) está organizado en diferentes áreas de atención, que comprenden a atención temperá, a área de educación, de formación e emprego, de vida adulta e independente, de apoio familiar e unha área transversal e está orientado a mellorar a autonomía das persoas con discapacidade intelectual, as súas condicións de vida e favorecer a súa plena inclusión. O convenio asinado entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Federación Down Galicia contempla os seguintes obxectivos de intervención:

  1. Ofrecer intervencións de habilitación funcional co fin de potenciar as súas habilidades e o seu benestar, posibilitando a súa normalización no medio familiar e social.
  2. Proporcionar asesoramento e apoio ás familias, como un dos principais axentes activos no proceso de inclusión da persoa con discapacidade.
  3. Desenvolver actuacións que permitan ás persoas con discapacidade acadar as máis altas cotas posibles de vida independente.
  4. Colaborar cos recursos comunitarios de formación, nos que estean integrados os usuarios, co fin de que así rendabilicen ao máximo os procesos de ensinanza e aprendizaxe e acaden a súa integración laboral.
  5. Promover a participación das persoas con discapacidade nas actividades de ocio e deporte normalizadas.
  6. Desenvolver accións de formación ocupacional e laboral que posibiliten a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades e coñecementos que lle faciliten a súa integración laboral.
  7. Garantir o dereito das persoas con discapacidade intelectual a expresar e vivir a súa sexualidade.
  8. Favorecer a difusión de información axeitada e positiva acerca das persoas con discapacidade intelectual.
  9. Promover proxectos de integración escolar, laboral, social, programas de saúde e todos aqueles que favorezan o desenvolvemento persoal e a plena inclusión das persoas coa síndrome de Down.
Ir o contido