Tres rapaces coa síndrome de Down poñen voz na banda sonora da curtametraxe ‘The Interview’

Juan Vázquez, Pepa Lockhart e Manuel Asián, tres rapaces das entidades Down de Galicia, veñen de participar na gravación da banda sonora de ‘The Interview’, unha coprodución entre Albania, Kosovo, Italia e España dirixida por Andamion Murataj. A gravación realizouse nos Estudios Mans da Fundación Paideia Galiza e contou coa colaboración da federación na conformación deste coro infantil creado especificamente para interpretar a peza central do filme. Mentres Juan e Pepa forman parte de Down Compostela, Manuel é membro de Down Pontevedra Xuntos.

A curta narra a historia dunha moza con síndrome de Down que se prepara para unha entrevista de traballo como enfermeira voluntaria. O proxecto implicou a profesionais e entidades galegas, entre elas Down Galicia e a Fundación Paideia Galiza, que facilitaron a participación destas tres voces na interpretación dunha nana en albanés composta por Mario G. Cortizo, autor tamén do resto da banda sonora.

A peza musical foi gravada polo Ensemble Instrumental Grupo Instrumental Siglo XX, integrado por membros da Orquestra Sinfónica de Galicia, e contou coa intervención da violoncellista e cantante Rediana Vlashi, que interpreta a voz principal da canción, e do violinista Florian Vlashi. A dirección musical estivo a cargo do propio Cortizo.

A mira inclusiva de ‘The Interview’

En The Interview, o cineasta Andamion Murataj propón unha historia que fala de empatía e de igualdade a través dunha linguaxe visual íntima e poética. O director albanés —recoñecido polo seu traballo no cinema social e autor de guións premiados na Berlinale e Chicago— aposta nesta curta por unha estética sinxela e profundamente emocional, centrada nas persoas.

O filme, rodado en 16 mm e producido internacionalmente con participación galega a través de Contracultural Media, traballa desde unha mirada centrada na inclusión e aborda os retos que acompañan o proceso de acceso ao emprego. O equipo técnico reúne profesionais con ampla traxectoria, como o director de fotografía Gary Griffin e a montadora Simona Paggi.

Unha colaboración para dar visibilidade

Coa participación neste proxecto, Down Galicia reforza o seu labor de promover a presenza das persoas con síndrome de Down na vida cultural e de facilitar experiencias creativas que lles permitan formar parte de iniciativas artísticas en contornos profesionais.

Ir o contido