O intercambio de ideas foi o eixo central do Encontro 2017 de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual, familias e profesionais de Down Galicia celebrado hoxe no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela.
Este encontro autonómico, ao que asistiron máis de 400 persoas, tivo por obxectivo principal proporcionar un espazo de encontro no que as persoas participantes puidesen compartir experiencias e coñecementos relacionados coa síndrome de Down e a discapacidade intelectual.
A xornada estivo conducida por Pedro García, un mozo usuario de Down Pontevedra “Xuntos”, e por Paula Fernández, da Fundación Down Compostela. Eles foron os encargados de dar a benvida a todas as persoas alí congregadas e dar paso ás intervencións institucionais e ós distintos relatorios e exposicións.
O acto inaugural correu a cargo do presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González, e da Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez. Prieto aproveitou a súa intervención para agradecer a todas as persoas asistentes “a boa acollida dun evento tan necesario como este” e instou ós presentes a gozar dunha xornada “cuns contidos moi interesantes”.
Interesantes relatorios sobre autonomía e vida independente
Os encargados de dinamizar a sesión matinal, centrada na autonomía e a vida independente, foron Beatriz Garvía e Pep Ruf, profesionais da Fundación Catalana Síndrome de Down, e Andreu Trias e Eva Casalprim, persoas usuarias da mesma Fundación.
Beatriz Garvía, psicóloga da Fundación Catalana Síndrome de Down e coordinadora do Servizo de Atención Terapéutica do Centro Médico Barcelona Down, explicou ós presentes o que significa ser adulto e a importancia que para unha persoa coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual teñen os conceptos de identidade, autonomía e autoestima.
O relatorio de Pep Ruf, pedagogo e coordinador do servizo de vida independente “Me voy a casa” da Fundación Catalana Síndrome de Down, xirou sobre a relevancia da vida independente e o papel das familias como acompañantes en dito proceso.
Tralas intervencións de Garvía e Ruf, o turno foi para Andreu Trias e Eva Casalprim, dous mozos usuarios da mesma Fundación, que compartiron con tódolos presentes a súa experiencia como parella independizada.
Terminada a primeira parte da xornada, os asistentes foron comer e gozar dunha boa sobremesa onde seguir charlando. Nesta parte do Encontro estivo a Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, que quixo compartir este momento con todos os asistentes.
Un programa cheo de posibilidades
Tras a hora do xantar, chegou a actividade máis esperada do día, xa que persoas usuarias e familiares das entidades Down de Galicia compartiron algunhas das súas experiencias de vida con todos os presentes.
Deste xeito, púidose escoitar a familiares falando da importancia da implicación nas xuntas directivas das súas entidades, relatos de superación na etapa educativa, experiencias positivas no eido da formación e o emprego, retos na busca dunha vida independente ou reivindicacións por un envellecemento activo.
A xornada rematou cun vídeo balance moi divertido cos datos máis relevantes da Federación Down Galicia no pasado ano 2016.
Actividades lúdicas e espectáculos
De xeito paralelo ás actividades divulgativas e de debate, nenos e mozos de tódalas entidades Down de Galicia e os seus familiares, puideron gozar dun completo programa de actividades lúdicas e espectáculos: xogos musicais e sensorias e circuítos de psicomotricidade para os máis pequenos, obradoiros de cociña e xogos de rastreo para nenos e adolescentes e obradoiros de música e creación de vídeos para os máis adultos.
Pero os momentos máis aplaudidos da xornada foron as actuacións de Isla Letriska e Don Gelati, nos que a totalidade dos participantes contemplaron abraiados o espectáculo clown “LeTriska Inmobile” e unha incrible sesión de maxia.