Un grupo de científicos descubriu que unha substancia presente no té verde (a epigalocatequina galato, EGCG) podería normalizar a función do xene Dyrk1A, o que incidiría nunha mellora na memoria e aprendizaxe das persoas coa síndrome de Down. O equipo, que forma parte do IMIM (Instituto de Investigación Hospital del Mar) e do Centro de Regulación Genómica de Barcelona, realizou unha investigación ao longo de 5 anos en ratos trisómicos e transxénicos, constatando unha importante mellora na plasticidade e rexeneración neuronal, decisivas na capacidade de computación do cerebro utilizando EGCG. Precisamente dous investigadores do IMIM, Mara Dierssen e Rafael de la Torre, expuxeron os resultados deste estudo na pasada Asemblea Xeral de Down España. Mara Dierssen explicou que trataron de “encontrar moléculas claves en procesos mentais para mellorar as capacidades cognitivas. Para elo, utilizamos ratos con trisomía 21”, e así deron co xene Dyrk1a, “que é co que traballamos no laboratorio, que pode potenciar moitas proteínas moi importantes para a plasticidade do cerebro”. Dierssen dixo que “sobreexpresando este xene acádanse resultados impresionantes, como o crecemento das neuronas”. Para facelo, comentou a experta, “buscamos unha sustancia que fora segura. Esa é a Epigalocatequina Galato (EGCG), presente no té verde”. Ademais, esta sustancia cumpría cun requisito indispensable: non é tóxica. Dierssen tamén explicou que para o estudo se valeron da estimulación ambiental, un factor sen o cal é imposible potenciar as capacidades cognitivas das persoas coa síndrome de Down. Por outro lado, comentou que a mellor oportunidade é facelo nos primeiros anos da vida, que é cando más medra o cerebro. Pola súa banda, Rafael de la Torre explicou que unha das primeiras e máis importantes conclusións que obtiveron foi que non hai efectos adversos coa EGCG. Pero tamén se puxo en evidencia que ao suprimir o tratamento, os resultados obtidos nas persoas involucradas na investigación volveron ao punto de partida. Por iso, explicou que “a estimulación ambiental é primordial para manter os efectos do tratamento no tempo”. Aínda que os resultados son positivos, o poñente quixo deixar claro que “o té verde non é a solución per se. A estimulación cognitiva adecuada, adaptada á idade e ás tecnoloxías, é predominante”. Por último, De la Torre lembrou que “a EGCG tamén podería axudar a previr o declive cognitivo propio da idade, máis presente en persoas coa síndrome de Down, como o alzheimer”. Ademais dos investigadores, tamén interveu Noemi Muñoz, de Laboratorios Grand Fontaine. Esta é unha empresa dirixida á nutrición médica de adultos, que colaborou no estudo TESDAD. Muñoz explicou que a súa empresa é a encargada de desenvolver, validar, e no futuro, comercializar o produto final que conteña a dose indicada de EGCG para o consumo humano. O formato ideado será en po para a súa disolución en auga, como se dun batido se tratase. Barallan un prezo de 25 euros por paquete, sendo necesarios uns 3 ou 4 paquetes ao mes cunha dosificación de 2 tomas ao día. A súa comercialización sería online. Os resultados definitivos do estudo faranse públicos en xuño, polo que no outono sería cando as familias xa poderían estar en disposición de decidir se queren iniciar este tratamento.
