Mediante unha achega de 28.000 euros, a Obra Social “la Caixa” colabora co proxecto de Down Galicia “Emprego con Apoio para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual”. Esta axuda enmárcase na convocatoria de Inserción Sociolaboral 2014, enfocada á execución de proxectos de inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade social e persoas con discapacidade. Para facer efectivo esta axuda, ambas entidades acaban de asinar un convenio de colaboración en virtude do cal, un total de 74 persoas con discapacidade intelectual, en particular con síndrome de Down, de toda a Comunidade Autónoma galega contarán cunha serie de apoios encamiñados a conseguir a súa inclusión no mercado laboral ordinario. O programa “Emprego con Apoio” responde á reivindicación das persoas coa síndrome de Down ao seu dereito a traballar en contornas laborais normalizadas. Para isto, Down Galicia facilítalles os apoios necesarios para acceder ao mercado de traballo ordinario e acadar maiores cotas de autonomía e independencia, tanto a nivel social como económico. Desta forma, as persoas con discapacidade contan co respaldo dun preparador laboral encargado de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, desenvolvendo estratexias de aprendizaxe para que poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de forma positiva e natural.
