Un total de 17 persoas das entidades Down en Galicia presentaranse mañá, sábado 9 de maio, ao exame das oposicións convocadas pola Administración central do Estado para persoas con discapacidade intelectual. Esta proba, que se celebrará na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, corresponde á primeira fase do proceso selectivo para ingreso como persoal laboral fixo coa categoría de Axudante de Xestión e Servizos Comúns (ordenanza). A convocatoria, realizada polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, está destinada a cubrir un total de 15 prazas no conxunto do Estado español, das cales 3 corresponden ao ámbito autonómico galego, concretamente nas cidades de Vigo, Ourense e A Coruña. As persoas que se desprazarán a Madrid para realizar o exame corresponden ás entidades Down en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. Discapacidade intelectual e acceso ao emprego público A convocatoria de oposicións en quenda única e independente para persoas con discapacidade intelectual é unha vella reivindicación das entidades que representan a este colectivo. A Administración central, convocara por primeira vez un proceso selectivo deste tipo no ano 2012, que ofertaba 3 prazas de ordenanza para a Comunidade Autónoma de Galicia, 2 na Coruña e 1 en Lugo. Naquela ocasión, Mauro Rodríguez acadara o posto de Lugo, converténdose no primeiro galego coa síndrome de Down que acadaba unha praza nunha oposición convocada polo Estado. – Posteriormente, no ano 2013 realizárase outra convocatoria destas características pero non contemplaba prazas para Galicia-. O feito de que ata entón as convocatorias se fixeran conxuntamente para o colectivo de persoas con algunha discapacidade – xa fose intelectual, física ou sensorial-, implicaba que non se tiña en conta que as dificultades dos diferentes grupos de persoas con discapacidade non son as mesmas. Considerando que cada tipo de discapacidade ten unhas particularidades propias, Down Galicia sempre reclamou que as adaptacións nas probas de acceso fosen específicas para cada grupo, xa que non é posible unha equiparación real de oportunidades de non terse en conta as diferenzas de partida. A ausencia de adaptacións nos procesos de selección para os distintos grupos de persoas con diversidade funcional, fixo que as persoas con discapacidade intelectual sempre quedaran excluídas como beneficiarias do acceso ao emprego público.
