Ir o contido

O equipo de Down Ourense volve brillar na Liga Española de Debate Universitaria

Laura Gil Requejo, Pablo Varela Álvarez, Saúl Álvarez Rodríguez, Kevin Andrés Lozada Arias e Francisco Diz Bañuelos foron os cinco mozos ourensáns que o 14 e 15 de xuño subiron ao escenario do Centro 3 Olivos de Down Madrid para representar a Galicia na competición de oratoria “Yo tengo opinión”. Este evento é un certame promovido pola Liga Española de Debate Universitario (LEDU) e dirixido a menores de 30 anos con discapacidade intelectual.

A representación de Down Ourense proclamouse vencedora o pasado ano nunha emocionante final fronte ao equipo madrileño. Este ano, na liguiña, foron os da capital española quen acadaron o triunfo, pero iso non restou nin un chisco de alegría ao equipo ourensán, que mantivo un excelente nivel durante toda a competición, na que participaron representantes de oito provincias.

«Podemos presumir de que no palmarés do certame, que xa leva catro edicións, só aparecen Ourense e Madrid», bromeaba Susana Rodríguez, xerente da asociación ourensá, que acompañou aos participantes xunto co formador e director do equipo, Brais Durán, e Juan Santamaría, mentor dos ourensáns. Tamén viaxou Alejandro Nieto, excompoñente do grupo, que este ano acudiu convidado para formar parte do xurado (con voz pero sen voto).

Susana regresou contenta tanto polo papel realizado polo equipo como pola súa actitude. «Non decaeron en ningún momento. Non houbo que xestionar a frustración. Cando Zaragoza quedou como finalista, aplaudiron moitísimo, e o mesmo fixeron cos de Madrid tras gañar o título», comentaba.

A pesar de non poder revalidar o galardón, o grupo de Down Ourense volveu brillar na súa exposición de argumentos, malia que, de novo, lles tocou ir en contra na cuestión a debate, que este ano propoñía a necesidade de limitar o uso das pantallas nas aulas ata os 16 anos.