Ir o contido

A Deputación de Pontevedra continúa colaborando co programa de Emprego con Apoio de Down Galicia

Cunha achega de 5.235,28€, a Deputación de Pontevedra quixo dar continuidade á colaboración que dende hai xa varios anos ofrece ao proxecto “Emprego con Apoio na provincia de Pontevedra” que Down Galicia leva a cabo nesta zona. Esta aposta pola inclusión laboral permitiu que un total de 93 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais contaran cunha serie de apoios encamiñados a conseguir a súa participación no mercado laboral ordinario durante o ano 2018.
Grazas a esta axuda puideron prestarse apoios por toda a provincia, especialmente na capital e nas cidades e concellos máis importantes, aínda que tamén naquelas áreas xeográficas ás que pertencen os usuarios e usuarias do proxecto de emprego. Na área de influencia de Pontevedra, ademais da propia cidade do Lérez, pódense citar Marín, Redondela, Cambados, Cotobade, Cuntis e Vilagarcía. Mentres, na área de Vigo, ademais da cidade olívica, destacan Moaña, Cangas, Redondela, Mos, Porriño, Tomiño, Ponteareas e Baiona, entre outros.
Das 93 persoas participantes neste proxecto, 21 delas asinaron 28 convenios de prácticas e, en canto ás contratacións, asináronse un total de 91 contratos, incluíndo varias prórrogas e transformacións en indefinidos. Moitos dos contratos asinados este ano son temporais e a tempo parcial, o que deixa de manifesto, unha vez máis, a inestabilidade laboral do colectivo.
Outro aspecto a destacar é o tipo de sector onde se están a levar a cabo estas contratacións, entre os que destacan o sector servizos e o da hostalería, superando a outros como o comercio, a industria ou a administración.
Ademais, durante este período, contactáronse un total de 87 empresas de toda a provincia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das persoas destinatarias deste proxecto.
En Down Galicia cremos na eficacia do Emprego Con Apoio desde o ano 2002. Esta metodoloxía, orientada á inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral ordinario, ofrece os apoios necesarios dentro e fóra da contorna laboral para conseguir unha óptima adaptación do empregado ou empregada ao posto de traballo. Deste xeito, a empresa conseguirá traballadores e traballadoras cualificados que se formarán directamente nos seus postos de traballo. A figura do preparador ou preparadora laboral da entidade Down é fundamental no proxecto, xa que acompañará á nova persoa traballadora durante todo o proceso: asesoramento, seguimento e apoio durante o tempo que dura a relación laboral.