Down Galicia recibe un dos botes da edición de Nadal do programa ‘Atrápame se podes’

Down Galicia foi unha das entidades beneficiarias da edición especial de Nadal do programa ‘Atrápame se podes’ da Televisión de Galicia, un concurso que regresou á grella nestas datas cun formato solidario e familiar, destinado a apoiar diferentes organizacións sen ánimo de lucro.

O espazo, presentado por Rodrigo Vázquez, emitiuse durante estas festas e contou coa participación de persoas coñecidas do ámbito do audiovisual galego, que competiron por parellas co obxectivo de recadar fondos para causas sociais a través dos botes acadados en cada programa.

Con esta iniciativa solidaria, Down Galicia recibiu unha doazón de 1.800 euros grazas á participación de Bernardo Montaña e Rocío Durán. Esta achega destinarase ao desenvolvemento dos seus programas e servizos de apoio ás persoas coa síndrome de Down e ás súas familias en toda Galicia.

O especial de Nadal de ‘Atrápame se podes’ mantivo a esencia do concurso habitual, baseado en probas de axilidade mental e cultura xeral, adaptando o formato para facelo máis próximo ao público familiar e incorporando un marcado compoñente solidario.

Durante estas emisións especiais, cada programa destinou integramente o diñeiro recadado a unha entidade social distinta, contribuíndo así a dar visibilidade ao labor de organizacións que traballan a prol da inclusión e do benestar social.

Desde Down Galicia queremos agradecer a TVG, ao equipo do programa ‘Atrápame se podes’ e ás persoas participantes nesta edición especial de Nadal o apoio recibido, que supón unha importante axuda para seguir avanzando na construción dunha sociedade máis inclusiva.

Ir o contido