O CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba realiza a súa Carreira San Silvestre a favor de Down Galicia

O CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba celebrou o pasado 18 de decembro unha nova edición da súa tradicional Carreira San Silvestre Solidaria, unha iniciativa xa consolidada no calendario do centro que permitiu recadar 1.673,71 euros destinados integramente á Federación Down Galicia. Preto de 400 nenos e nenas participaron ao longo da mañá nunha xornada marcada pola convivencia e o compromiso social, mesmo a pesar das condicións meteorolóxicas adversas.

O alumnado tomou parte na carreira organizado en catro quendas segundo os diferentes niveis educativos, e como peche da actividade realizouse unha última quenda na que participaron tamén as familias e o persoal do centro, reforzando o carácter comunitario da proba. Con esta oitava edición, o colexio suma xa máis de 16.000 euros recadados ao longo dos anos a través das súas San Silvestres, que noutras ocasións estiveron ligadas a distintas ONG e causas benéficas.

Down Galicia quere expresar o seu agradecemento a toda a comunidade educativa do CEIP Barrié de la Maza e, en especial, ao seu director, César Ramos, pola súa implicación, así como á colaboración de Protección Civil e do Concello de Santa Comba. Unha vez máis, esta iniciativa exemplifica como a escola pode ser un espazo de aprendizaxe en valores e inclusión, xerando un impacto positivo real na sociedade.

Ir o contido