A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiou a contratación de nove persoas desempregadas durante o último exercicio 2024-2025 para cubrir distintos postos de carácter técnico en varios dos centros de traballo da Federación Down Galicia baixo o proxecto “Servizo de Promoción da Autonomía Persoal: Proxectos reforzo 2024-2025”.
Mediante estas contratacións, de xornada parcial durante un ano, deuse cobertura a diferentes áreas e programas que conforman o Servizo de Promoción da Autonomía Persoal para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual (SEPAP). Nesta ocasión, o persoal contratado desempeñou o seu labor nos programas de “Vida Autónoma e independente”, “Formación e emprego”, “Emprego Con Apoio” e outros apoios do servizo diario.
O Servizo de Promoción da Autonomía Persoal de Down Galicia céntrase en proporcionar ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais os recursos adecuados que permitan a súa participación na comunidade da forma máis autónoma e independente posible, mediante o fortalecemento dos seus propios recursos e o adestramento da súa autonomía persoal.