A Fundación ONCE acaba de conceder a Down Galicia unha axuda económica por un importe de 9.590 euros destinada a sufragar parte dos gastos derivados do programa “Formación e preparación de oposicións autonómicas e estatais de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual” que a Federación levou a cabo durante o ano 2021.
O obxectivo principal deste proxecto é garantir a adquisición e mellora das competencias necesarias para que as persoas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais que se presenten a un proceso de oposición, autonómica e/ou estatal, poidan superalo con éxito.
Así, para poder levar a cabo este proxecto, realizouse unha avaliación inicial das necesidades das persoas participantes para poder prestarlle os recursos e medidas de apoio que precisasen, facilitouse a cada unha delas un itinerario personalizado e individualizado co fin de mellorar as súas posibilidades de superar unha oposición e dispúxose de material adecuado para traballar os contidos vinculados ao proceso.
Así mesmo, a través de sesións de intervención directa, as persoas participantes adquiriron e desenvolveron as habilidades e coñecementos necesarios para presentarse a este tipo de procesos selectivos.
A importancia da formación
O desempeño dun posto de traballo para unha persoa coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual afecta directamente ao modo en que esta percibe e é percibida pola sociedade e por si mesma, así como polo grao de liberdade de que dispón, non só no aspecto económico, senón tamén no aspecto social.
Por este motivo, son necesarias accións formativas adaptadas ás características particulares das persoas con discapacidade, nas que ademais dos contidos vinculados a unha oposición, se traballen de maneira transversal as habilidades relacionadas co traballo, que son aplicables a calquera profesión e que logo serán as que definan unha inserción laboral inclusiva de éxito.
Neste sentido, Down Galicia desenvolve este proxecto de preparación de oposicións, que permite ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais a preparación para unha futura inserción laboral, fundamentalmente en postos de emprego público, mellorando así a súa situación persoal e laboral.