O pasado venres 9 de xuño, 29 mozos e mozas de Down Lugo e Down Ourense pasaron un día inesquecible na cidade da muralla dentro do Programa de Encontros Bilaterais que está a levar a cabo o Movemento Down en Galicia neste ano 2023.
A xornada comezou a media mañá, cando as 10 persoas visitantes de Ourense chegaron á sede de Down Lugo, onde algúns mozos e mozas usuarias da entidade local lles ensinaron as instalacións. A continuación, realizaron algunhas dinámicas para comezar a coñecerse.
Unha vez rematadas as presentacións e divididos en dous grupos, participaron nunha xincana polo centro da cidade lucense co obxectivo de coñecer os puntos máis relevantes da zona interior da muralla: a Porta da estación, a Praza de Santo Domingo, a Praza da Soidade, a Praza Maior, a Praza de Santa María e a Catedral. En cada punto da proba, os mozos e mozas tiveron que superar un pequeno reto e facerse unha foto de grupo.
Tras comer todas e todos xuntos, e aproveitando que a chuvia deu unha tregua, continuaron cos retos que quedaron pendentes durante a mañá ata que aos compañeiros e compañeiras de Down Ourense lles chegou o momento de marchar, despedíndose con ganas de que chegue canto antes a seguinte xuntanza.
Este encontro foi posible grazas á subvención de Política Social destinada a programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.