A finais do pasado ano 2022, 19 persoas vencelladas a entidades Down participaron no proceso selectivo para ingreso por acceso libre, como persoal laboral fixo no grupo profesional E0, especialidade tarefas complementarias de apoio, en prazas reservadas para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.
Da totalidade de persoas que se presentaron, aprobaron o primeiro exame 16 delas, o que supón un 84% de probas superadas, e 5 pasaron á fase de concurso.
Nestes momentos, trala publicación da valoración provisional desta segunda fase do proceso selectivo, 1 persoa vencellada ao Movemento Down en Galicia continúa con posibilidades de conseguir un dos ansiados postos.
Desde Down Galicia desexamos que poida ver cumprido o seu desexo e felicitamos tamén a todas as demais persoas participantes no proceso polo esforzo e a dedicación amosados neste proceso.
Reclamación para a descentralización das probas
Por outra banda, a Federación Down Galicia leva meses reclamando á Secretaría de Estado de Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública a descentralización destas probas, como xa se fixo con outros procesos selectivos estatais.
Solicítase un mínimo dunha localización en cada Comunidade Autónoma na que se oferten prazas, aumentando significativamente desta forma as opcións de participación dun gran número de persoas e facilitando a accesibilidade ás mesmas, se se ten en conta o transporte público dispoñible.