Sorpresa, medo, vergoña, prexuízo, culpa, tristeza, orgullo, enfado, calma, noxo, amor e alegría. E moita música. Con todos estes ingredientes, Down Vigo puxo a flor de pel o pasado venres as emocións do público no auditorio S.C.D.R Helios de Bembrive.
Durante aproximadamente unha hora, as case 50 persoas de todas as idades que asisten ao servizo de Musicoterapia da asociación actuaron para un público disposto a deixarse sorprender. A obra representada céntrase en expresar as emocións a través das artes. Disciplinas como a danza contemporánea, a expresión corporal, a música e o teatro son os medios para facer chegar ao público a emoción coa que se quere xogar en cada escena. O proceso creativo desta obra é o resultado dos talleres de comprensión das emocións.
Desde hai semanas, a entidade preparou un evento escenográfico no que as emocións foron o fío condutor dunha secuencia de escenas protagonizadas por persoas adultas e máis pequenas do servizo de Musicoterapia, así como por parte do equipo profesional da entidade. Durante as sesións de aula semanais, as persoas participantes deseñaron tanto o guión como a posta en escena, coordinados por Erick Alexander Corrente, técnico do servizo de Educativa.
Musicoterapia, que é?
A Musicoterapia consiste no uso terapéutico da música, así como de todos os seus elementos, para mellorar a saúde mental e emocional das persoas. As principais técnicas que se empregan habitualmente nestas sesións son a experimentación, a composición, a recreación e a improvisación utilizando como principal canle sensorial o oído. Adaptando a intervención a cada persoa usuaria, pódense obter melloras a nivel físico, emocional e cognitivo. A través da Musicoterapia trabállase a disciplina, o desenvolvemento da linguaxe (foméntase a audición e a dicción) e o corpo (a través do baile). De forma transversal, axuda a estar en equilibrio coa contorna.
Para desenvolver este proxecto, resultou fundamental a participación activa das familias da entidade e do equipo de profesionais, que se suma á colaboración de Banco Mediolanum, que apoia este evento escenográfico duplicando a cantidade económica que se recade na plataforma de crowdfounding ‘Mi grano de arena’. Esta canle estará dispoñible ata o próximo 8 de decembro para todas aquelas persoas que queiran axudar economicamente á entidade.