A Fundación Down Compostela e Miranza Instituto Gómez-Ulla reforzan a súa alianza para mellorar a saúde visual das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Froito deste convenio, unha trintena de persoas usuarias da Fundación participaron esta semana nunha xornada de exploración ocular gratuíta realizada polo equipo de especialistas de Miranza Instituto Gómez-Ulla.
Estas revisións, efectuadas nas instalacións da Fundación, forman parte dunha estratexia de seguimento integral e personalizado que ten como obxectivo principal facilitar un acceso cómodo e adaptado á oftalmoloxía especializada, garantindo así o benestar visual e unha mellor calidade de vida das persoas atendidas.
A doutora María Santiago, oftalmóloga de Miranza Instituto Gómez-Ulla, foi a encargada de liderar as avaliacións, que incluíron probas completas de visión: análise do estado da córnea, estudo da refracción e control doutros aspectos clave que permiten unha detección precoz de calquera alteración visual.
As patoloxías da córnea (como o queratocono), as cataratas en idades temperás, as miopías, hipermetropías, astigmatismo ou nistagmus son frecuentes nas persoas coa síndrome de Down. Exploracións como as realizadas por Miranza Instituto Gómez-Ulla na sede da Fundación Down Compostela permiten anticiparse a posibles complicacións, reforzando así a autonomía persoal e a inclusión e participación social das persoas con discapacidade intelectual.
Entre os retos de saúde que aparecen con maior frecuencia neste colectivo atópanse as cataratas, tendo as persoas coa síndrome de Down dez veces maior risco de sufrir esta enfermidade visual fronte á poboación xeral. Ademais, son máis propensas a desenvolvela na infancia temperá, sendo máis do 70 % conxénitas, é dicir, antes do nacemento.
Este colectivo presenta tamén córneas máis finas e irregulares, o que favorece o desenvolvemento do queratocono, unha patoloxía na que a capa superficial do ollo adquire unha forma cónica, en lugar de redondeada, que diminúe a visión.
Atención especializada desde a infancia e ao longo de toda a vida
O acceso a revisións oftalmolóxicas periódicas, especialmente desde idades temperás, é fundamental para garantir o desenvolvemento visual adecuado das persoas coa síndrome de Down. Por iso, un dos piares desta colaboración é tamén a sensibilización sobre a importancia de acudir ao oftalmólogo durante os tres primeiros meses de vida. Se non se detecta ningunha patoloxía ocular, a seguinte revisión recoméndase aos dous anos e medio, con seguimentos oftalmolóxicos anuais a partir dese momento durante todas as etapas da vida. Desde Miranza Instituto Gómez-Ulla destácase a importancia de adaptar as técnicas e tempos de exploración ás características individuais de cada paciente, facilitando unha experiencia próxima, humana e eficaz.
Unha colaboración que suma
O Instituto Gómez-Ulla e a Fundación Down Compostela comparten o compromiso de traballar en rede para garantir que as persoas coa síndrome de Down poidan gozar dunha atención médica de calidade, adaptada e próxima. Esta colaboración súmase a outras iniciativas de saúde e benestar impulsadas por ambas entidades para contribuír ao desenvolvemento integral de cada persoa.