A Deputación de Pontevedra da continuidade á colaboración que dende hai xa varios anos ofrece ao proxecto “Emprego Con Apoio na provincia de Pontevedra: Talento profesional das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual” que Down Galicia leva a cabo nesta zona. Grazas a unha achega de 5.990,82 €, a administración provincial permitiu que un total de 114 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais contaran cunha serie de apoios encamiñados a conseguir a súa participación no mercado laboral ordinario durante o ano 2024.
A través desta axuda puideron prestarse apoios por toda a provincia, especialmente na capital e nas cidades e concellos máis importantes, aínda que tamén naquelas áreas xeográficas ás que pertencen os usuarios e usuarias do proxecto de emprego. Deste xeito, ademais da área de influencia da cidade do Lérez e da olívica, pódense citar Cuntis, Poio, Marín, Cambados ou Redondela, entre outras vilas.
Durante este período, o total de contratos vixentes alcanzou as 110 contratacións para 99 persoas usuarias, a maioría delas a tempo parcial. Ademais, 4 persoas fixeron formación práctica grazas a un total de 4 convenios en vigor con empresas. Os sectores máis destacados onde se están a levar a cabo estas contratacións ou prácticas son o sector do comercio, a hostalería, a administración e a industria da alimentación.
Ademais, durante este período, contactáronse un total de 296 empresas de toda a provincia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das persoas destinatarias deste proxecto.
En Down Galicia cremos na eficacia do Emprego Con Apoio desde o ano 2002. Esta metodoloxía, orientada á inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral ordinario, ofrece os apoios necesarios dentro e fóra da contorna laboral para conseguir unha óptima adaptación do empregado ou empregada ao posto de traballo. Deste xeito, a empresa conseguirá traballadores e traballadoras cualificados que se formarán directamente nos seus postos de traballo. A figura do preparador ou preparadora laboral da entidade Down é fundamental no proxecto, xa que acompañará á nova persoa traballadora durante todo o proceso: asesoramento, seguimento e apoio durante o tempo que dura a relación laboral.