Down Galicia e BBVA asinaron esta semana na sede da entidade social en Santiago de Compostela un acordo de colaboración para a posta en marcha dunha nova edición do programa de formación práctica ‘Emprego con Apoio’, experiencia que comezou en 2012, e que promove a inclusión socio-laboral de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, e polo que un grupo de persoas usuarias das distintas entidades Down farán formación práctica en oficinas galegas da entidade financeira. A directora do Territorial Noroeste de BBVA, Guadalupe Hernández, e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, asinaron o acordo de colaboración en nome de ambas as institucións.
O programa ‘Emprego con Apoio’ bota a andar de novo co obxectivo de facilitar o proceso de procura de emprego das persoas participantes, ademais de mellorar as súas habilidades sociais para a inclusión en diferentes equipos de traballo. Ao longo deste ano, un grupo de persoas usuarias de Down Galicia traballarán durante un período aproximado dun mes en distintas oficinas de BBVA na comunidade. O proxecto desenvolverase a través dun programa de capacitación para o emprego, un adestramento laboral no posto de traballo, un seguimento laboral continuado e unha formación permanente.
No acto de firma celebrado hoxe, Guadalupe Hernández, directora do Territorial Noroeste de BBVA, destacou que “é unha colaboración que cumpre trece anos e que sempre nos demostrou que é unha experiencia moi enriquecedora tanto para os equipos de BBVA como para as persoas participantes”. “Sabemos que este tipo de proxectos favorece a inclusión socio-laboral de persoas con discapacidade intelectual, algo sumamente importante para o seu desenvolvemento”, concluíu.
Pola súa banda, Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, resaltou “a importancia de que entidades de tan amplo calado como BBVA aposten pola inclusión laboral, ofrecendo oportunidades a aquelas persoas que, lamentablemente, non adoitan telas”. “Só podemos agradecer esta colaboración, xa que, nestes trece anos, decenas de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual puideron gozar desta formación práctica, capacitándoos para dar o salto a un novo emprego”, terminou.