As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, reuníronse un ano máis con motivo do inicio da campaña da Declaración da Renda para tentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario.
A Praza da Quintana en Santiago acolleu o acto de presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.
A iniciativa, que contou coa colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia e o Instituto Europeo Campus Stellae, consistiu na elaboración dun X xigante. A este acto sumáronse outros semellantes en localidades como Vigo, Verín, Lugo, Ferrol, A Estrada, Silleda ou Muros.
Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes coa etiqueta #FaiQuePase e #HazQuePase.
A lectura do manifesto correu a cargo da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo e o tesoureiro de EAPN Galicia- Rede Galega contra a Pobreza, Miguel Rodríguez.
En palabras de Ramón Sestayo: “o escenario mundial que se presenta non parece esperanzador, e en tempos de crise, as persoas en risco de pobreza soen ser as máis afectadas. Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica, motivo polo que pedímoslle á sociedade que marque este recadro, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida dos colectivos máis vulnerables.”
Inés Salteiro recalcou que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuír á realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.”
Finalmente, Miguel Rodríguez, de EAPN, reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, “simplificación burocrática, unha única convocatoria e a súa publicación nos primeiros meses do ano.”
:: Un recadro que cada ano suma máis seguidores
Durante o 2024, a campaña recadou en Galicia 26.520.069 €, grazas a que 793.484 contribuíntes (o 53,63% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 33’42 € por persoa.
Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 2.490.581 € con respecto ao ano anterior, con 18.089 persoas máis marcando o recadro 106, aínda queda traballo por facer. 686.173 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (566.858 non marcaron ningún recadro e 119.315 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 44.053.850 € (17.533.781 € máis).
A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 512.000.000 € grazas a que máis de 12.300.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, o que se traduce nun 52% do total das persoas declarantes.
:: Unha recadación que contribúe a unha transformación social
Grazas ao X Solidario, no 2024 162 organizacións de acción social de toda Galicia, 9 máis que o ano pasado, puideron levar a cabo 733 proxectos que beneficiaron a máis de 400.000 persoas, das que case 149.477 foron beneficiarias directas.
Os fondos recadados o pasado ano contribuíron a mellorar a calidade de vida da poboación máis vulnerable a través de numerosos proxectos que poñen o foco na inclusión socio laboral, o fomento da autonomía persoal, o envellecemento activo e a prevención de dependencia, a participación activa na vida política e pública, a atención social individualizada ou na conciliación e mediación familiar, entre outros.
Ademais, moitos dos programas dan resposta a novas necesidades derivadas das novas tecnoloxías, ofrecendo aprendizaxe en competencias dixitais, prevención de acoso nas redes, ou detección e actuación ante discursos de odio, axudando a pechar a fenda dixital e educativa.
Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcar o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, non custa nada. Nin se paga máis nin se devolve de menos e como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.