Down Galicia contou un ano máis coa colaboración da Deputación da Coruña que, mediante unha achega económica de 23.600,00€, apoia o proxecto “Emprego Con Apoio de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual na provincia da Coruña” a través do programa FOAXE-P para o mantemento de programas e servizos en materia de servizos sociais. Esta axuda representa o 36,48% do financiamento do proxecto, que tivo un custe total de 64.687,04 €.
Grazas a esta axuda, puideron desenvolverse diversas actuacións no ámbito da inserción laboral na empresa ordinaria que beneficiaron a un total de 97 mozos e mozas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. A totalidade destas persoas forman parte da bolsa de emprego da entidade da provincia da Coruña.
En virtude desta colaboración, durante o período no que se desenvolveu este proxecto, 74 persoas estiveron contratadas e 7 persoas realizaron formación práctica en empresa. Destes contratos, aínda que a maioría foron indefinidos, a meirande parte estaban limitados a xornada parcial.
Con respecto ao traballo de prospección, durante o pasado ano conseguiuse visitar e presentar o proxecto a un total de 13 empresas. O obxectivo destas visitas centrouse en atopar un posto de traballo susceptible de ser ocupado por aquelas persoas participantes que estiveron en situación de busca de emprego nalgún momento do proxecto, ou ben para negociar posibles renovacións ou prórrogas de persoas usuarias ocupadas. En total, colaborouse ao longo do ano cun total de 55 empresas da provincia.
Colaboración para a renovación de equipamento
A Deputación da Coruña tamén destinou o pasado ano 1.600,17 € ao proxecto de “Implantación e renovación de equipamentos nos servizos prestados dende a sede da Federación en Santiago” a través do programa FOIE para o investimento de servizos sociais. Esta axuda representa o 75% do financiamento do proxecto, que tivo un custe total de 2.123,11 €.
Esta achega financiou parte do novo equipamento tecnolóxico que utiliza o persoal profesional da Federación, con maiores prestacións, e que están perfectamente configurados para o desenvolvemento do traballo diario.
