Lugo acollerá o acto central do Movemento Down en Galicia para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down

O 21 de marzo conmemórase en todo o mundo o Día Mundial da Síndrome de Down, unha data escollida por Nacións Unidas [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Con motivo desta efeméride, o Movemento Down en Galicia organizará unha xornada de sensibilización coa que busca dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e facer oír súas reivindicacións.

Así, o Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acollerá, a partir das 19:15 horas, os actos conmemorativos do Día Mundial da Síndrome de Down e o 30 aniversario da asociación Down Lugo, que levan por título “21/3 Rodando a vida”.

 

Acto conmemorativo e xornada lúdica

Neste Día Mundial, as persoas representantes das xuntas directivas de Down Lugo e Down Galicia estarán acompañadas por representantes do Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, entre outras institucións.

Pero unha vez máis, as verdadeiras protagonistas desta sinalada data serán as persoas coa síndrome de Down, que farán oír a súa voz a través da lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal.

Serán as encargadas, ademais, de entregar os XI Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares. Nesta edición, os galardóns recaen na categoría de persoa individual en Alejandro Méndez Lázare, chef do restaurante “Os Cachivaches”, pola súa colaboración desinteresada con Down Lugo a través do desenvolvemento de diferentes actividades formativas no ámbito da autonomía doméstica e da organización da gala gastronómica solidaria “10 raziones”; e na categoría institucional na Universidade de Santiago de Compostela, pola súa colaboración institucional a través do desenvolvemento de diferentes programas formativos levados a cabo en distintas facultades do Campus de Lugo nos que participaron numerosas persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Este acto central, aberto a toda a cidadanía e concibido como un espazo de encontro e reivindicación colectiva, será conducido pola Compañía de Teatro Down Lugo e o alumnado da Escola Palimoco Teatro Danza e combinará unha parte lúdica con outra máis institucional. Ao longo da xornada, as persoas asistentes poderán desfrutar de distintas propostas que achegarán emoción, humor e reflexión, destacando a participación de Abraham Cupeiro, artista lucense recoñecido pola súa capacidade para recuperar e reinterpretar instrumentos ancestrais.

O auditorio converterase nun cine improvisado, homenaxeando ás salas que existían na  cidade de Lugo en 1996, ano no que se crea Down Lugo, e facendo un guiño aos Premios Mestre Mateo que se entregan na cidade esa mesma noite.

A entrada a este evento será gratuíta.

Como chegar

 

Iluminación dos principais monumentos de Galicia

Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Así, está previsto que a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, as Fontes da Rúa Aragón en Vigo, o concello de Pontevedra, a Ponte Romana de Ourense e a Ponte das Correntes de Pontevedra, o  edificio da Deputación de Ourense, ou o edificio da Xunta de Galicia en San Caetano, entre outros, se iluminen os vindeiros días 20 e 21 de marzo para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.

Ir o contido