Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, unha moza membro da asociación Down Ourense, en representación dos demais membros da entidade, reivindicou o pasado venres 20 de marzo os dereitos do colectivo cunha xornada de sensibilización no Colexio Plurilingüe Divino Maestro da cidade.
Nesta actividade, na que tamén participou o Director Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, Santiago Álvarez González, o alumnado de secundaria do centro educativo puido escoitar a historia de vida de Verónica Pardellas, que conseguiu que as persoas alí presentes se cuestionasen o que pensaban inicialmente sobre a síndrome de Down.
Verónica falou sobre a súa experiencia laboral e o seu paso por diferentes postos de traballo ata que conseguiu un contrato indefinido. Porque tras 7 anos traballando no balneario Caldaria de Arnoia, Verónica acadou este ano un posto de ordenanza na Deputación de Ourense tras preparar oposicións ao mesmo tempo que desempeñaba as súas tarefas como auxiliar termal.
Ademais de escoitar esta experiencia vital, alumnado e profesorado puideron entender como funciona o servizo de inclusión educativa de Down Ourense e comprender por que é fundamental que todo o alumnado poida participar e aprender en igualdade de condicións.
Pero esta non foi a única sensibilización realizada pola entidade durante esta semana. Así, o pasado mércores 18 visitaron o CEIP Curros Enríquez de Celanova, onde a través dun contacontos trasladaron ao alumnado de primaria do centro información sobre a síndrome de Down, traballando os mitos e as realidades existentes e tratando de romper estereotipos e prexuízos sobre o que poden e non poden facer as persoas con esta alteración cromosómica.
A importancia da sensibilización en etapas temperás
Desde as entidades Down quérese salientar a importancia de iniciar a sensibilización sobre a realidade da síndrome de Down desde idades temperás. Os nenos e nenas de hoxe serán as persoas adultas do futuro e, en boa medida, delas dependerá que a inclusión social se converta nunha realidade.
Nun momento vital como a nenez e a adolescencia, no que tanto as propias vivencias como as da contorna contribúen a formar a identidade, resulta clave transmitir á mocidade a situación de falta de oportunidades que afrontan moitas persoas coa síndrome de Down debido aos numerosos prexuízos que existen sobre as súas capacidades.
Visita do Delegado da Xunta de Galicia en Ourense
Dentro dos actos levados a cabo para conmemorar este Día Mundial da Síndrome de Down, a asociación Down Ourense recibiu o pasado mércores a visita do Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid.
Durante o encontro, o delegado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións da entidade, así como o labor que o equipo profesional desenvolve diariamente para mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e das súas familias. Ao longo da visita, as persoas responsables da entidade explicaron os distintos programas e servizos que ofrecen, centrados no apoio educativo, a inclusión laboral e social, a promoción da autonomía persoal e o acompañamento ao longo das diferentes etapas da vida.
Ademais, o delegado puido compartir un tempo coas persoas usuarias da entidade, interesándose polas actividades que realizan e polos proxectos que actualmente se están a desenvolver. Esta visita serviu tamén para poñer en valor o papel fundamental que desempeñan as asociacións do terceiro sector na construción dunha sociedade máis inclusiva e accesible para todas as persoas.